Senra arrasa na Coruña e Pardo acaba de segundo en Lorca
O dumbriés impúxose con minuto e medio de vantaxe sobre Alberto Meira
O ourensán Pardo quedou a vinte segundos de Cohete Suárez
O dumbriés Víctor Senra impúxose na segunda proba puntuable do Campionato Galego. Gañou o Rally da Coruña cunha grande autoridade meténdolle 1:33 a Alberto Meira e 3:44 a Alberto Otero. Senra encamiñou o triunfo no treito de Aranga (TC2) no que lle sacou máis de vinte segundos a Meira. A partir dese intre dedicouse a controlar a vantaxe e o seu rival incluso lle conseguiu quitar algún parcial cronometrado como o TC4.
No Rally Terras Altas de Lorca a vitoria foi para o asturiano Cohete Suárez, con Javier Pardo moi preto do primeiro posto. O ourensán quedou a 20 segundos do gañador despois de facer unha gran proba. Pepe López, co galego David Vázquez como copiloto, completou o podio a máis de 50 segundos por un erro que cometeu no sexto treito cando loitaba con Cohete por gañar a proba.