Sete anos de prisión para a muller que lle cortou o pene ao seu xefe e exparella
Sete anos de prisión para a muller que lle cortou o pene ao seu xefe e exparella
A muller tamén deberá pagar unha unha indemnización de 250.000 €
A muller acusada de cortarlle o pene á súa exparella e xefe aceptou 7 anos de prisión e o pago dunha indemnización de 250.000 euros á vítima polas secuelas físicas e psicolóxicas causadas. Os feitos aconteceron no bar de Sant Andreu de la Barca (Barcelona) onde traballaba a agresora.
O xuízo celebrouse este martes na Audiencia de Barcelona e a Fiscalía pedía 10 anos de prisión para a acusada por un delito de lesións con mutilación xenital. Finalmente chegou a un acordo coa acusación particular e o ministerio público para rebaixar a pena a 7 anos, dos que só haberá de cumprir cinco, dado que xa estivo dous en prisión provisional, e elevar a indemnización de 194.550 a 250.000 euros.
Os feitos aconteceron o 31 de maio de 2021 cando a vítima se desprazou a un dos bares que tiña en propiedade en Sant Andreu de la Barca (Barcelona), no que traballaba a agresora. Mentres o home xogaba á máquina comecartos, a acusada achegouse a el para ter relacións sexuais, pero o home negouse. Posteriormente, segundo o escrito da Fiscalía, a muller propúxolle facerlle unha felación, polo que o home tombouse nun sofá e a acusada tapoulle os ollos, procedeu á práctica sexual e, aproveitando que el non vía nada, colleu un coitelo e cortoulle o pene.
Nun primeiro momento, cando a fiscal preguntou á agresora se recoñecía os feitos, esta resistiuse a facelo, requisito indispensable para alcanzar unha sentenza de conformidade coas acusacións. Tras un receso, no que a acusada falou coa súa defensa, a sesión renovouse e ela recoñeceu que practicou sexo oral coa vítima e que, nese intre, colleu un coitelo e cortoulle o pene.
Pola súa banda, a vítima explicou que o día dos feitos rexeitou ter relacións sexuais coa súa entón parella “porque estaba canso”, pero que, tras a actitude cariñosa da acusada, accedeu a ter sexo, e acto seguido ela tapoulle os ollos cun trapo alegando que “lle daba vergoña”, realizoulle unha felación e seccionoulle o pene.
Ademais, explicou que as cámaras de seguridade do local non rexistraron o momento da agresión porque tiñan o costume de apagalas cando ían ter relacións sexuais. Segundo o seu relato, cando foi consciente da agresión, foi directamente acendelas mentres tapaba a hemorraxia co mesmo trapo co que ela lle vendara os ollos, para que quedase rexistrado que a súa atacante “non o deixaba saír”. Os axentes de Mossos d’Esquadra que realizaron o atestado compareceron para explicar que atoparon a arma, un coitelo de cociña de grandes dimensións, nunha pila detrás da barra do bar cando aínda tiña sangue na folla.
Como consecuencia do ataque, a vítima sufriu unha amputación completa do pene, a dous centímetros da base, e, aínda que se tentou unha reimplantación nunha operación de emerxencia no Hospital de Bellvitge, esta non prosperou. A vítima explicou que desde o día dos feitos non pode ter relacións sexuais e sofre problemas para ouriñar e moita dor, polo que está á espera dunha prótese que lle axude a mellorar a súa calidade de vida.
Durante o xuízo as partes renunciaron á maioría das testemuñas e a defensa pediu que, aínda que se daba por feita a conformidade, se tivese en conta a situación psicolóxica da agresora confesa no momento dos feitos, que presentaba un trastorno de depresión maior. A sentenza de conformidade inclúe a prohibición á agresora confesa de achegarse á vítima a menos de 250 metros ou comunicarse con el ata 10 anos despois de cumprir a pena.