Sete comunidades autónomas están en aviso por calor; en Galicia, as máximas chegarán a 32 graos en Ourense
Sete comunidades autónomas están en aviso por calor; en Galicia, as máximas chegarán a 32 graos en Ourense
Sete comunidades autónomas están en aviso por calor; en Galicia, as máximas chegarán a 32 graos en Ourense
Andalucía ten aviso laranxa nas provincias de Córdoba e Xaén, onde os termómetros alcanzarán valores máximos de 40 graos
A poucas horas do inicio da primeira vaga de calor do verán, as altas temperaturas de ata 40 graos comezan este mércores a súa escalada e activan o aviso en sete comunidades autónomas, que en Andalucía é laranxa (risco importante), informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) na súa páxina web.
Andalucía ten aviso laranxa nas provincias de Córdoba e Xaén, onde os termómetros alcanzarán valores máximos de 40 graos en zonas da campiña cordobesa e Cazorla e Segura; en Granada, Sevilla e Xaén hai nivel amarelo (risco) por temperaturas entre os 38 e os 39 graos.
Todas as provincias de Castela-A Mancha continúan con aviso amarelo por calor que oscilará entre os 36 e os 38 graos, con maior intensidade en zonas da Mancha, val do Guadiana, serra de Alcudia, Alcarria de Guadalaxara, serra de San Vicente, val do Texo e montes de Toledo, entre outras.
A Comunidade de Madrid está con nivel amarelo por temperaturas de 36 graos na área metropolitana e Henares e ata 37 graos en áreas do sur, as veigas e o oeste; AEMET alerta de que de forma puntual poden alcanzarse 39 graos no val do Texo, sobre todo na contorna da localidade de Aranxuez.
En Estremadura, só a provincia de Badaxoz está en amarelo por máximas de 38 graos en puntos da veiga do Guadiana, a Siberia estremeña, e Barros e Serena, mentres que en Aragón, a alerta amarela por calor de 36 graos cínguese ás Cinco Villas e á ribeira do Ebro de Zaragoza.
Na metade norte peninsular, A Rioxa e a Comunidade Foral de Navarra activaron o aviso amarelo por temperaturas máximas de 36 graos en áreas da ribeira do Ebro.
A AEMET avisa de que coa alerta laranxa hai risco de fenómenos meteorolóxicos non habituais e con certo grao de perigo para as actividades usuais, e coa amarela non existe risco meteorolóxico para a poboación en xeral, aínda que si para algunha actividade concreta.
As máximas chegarán a 32 graos en Ourense
Galicia atoparase durante a xornada do mércores nunha situación atmosférica moi indefinida, aínda que con predominio das altas presións. O día comeza con néboas en puntos do interior e ceos pouco nubrados ou despexados no resto, que en xeral se manterán durante toda a xornada. Brumas costeiras estarán presentes no litoral, máis probables na segunda metade do día.
As temperaturas mínimas continuarán sen cambios, mentres que as máximas experimentarán un lixeiro ascenso. Os ventos soprarán frouxos, de dirección variable en xeral.
As temperaturas extremas previstas nas cidades son as seguintes:
A Coruña 16°-24°
Ferrol 16°-26°
Lugo 13°-28°
Ourense 15°-32°
Pontevedra 15°-26°
Santiago 13°-27°
Vigo 16°-24°.