Publicador de contidos
Publicador de contidos

Simon Harris, elixido líder do Fine Gael e primeiro ministro 'de facto' de Irlanda

Simon Harris, elixido líder do Fine Gael e primeiro ministro 'de facto' de Irlanda

O novo primeiro ministro prometeu "traer enerxía e renovación a este partido nun momento en que se necesita"

Varadkar anunciou a súa dimisión o pasado mércores por sorpresa

Simon Harris ante os medios tras saír elixido primeiro ministro (Reuters) Simon Harris ante os medios tras saír elixido primeiro ministro (Reuters)
G24.gal 24/03/2024 20:21 Última actualización 24/03/2024 20:57

O ministro irlandés de Educación Superior, Simon Harris, foi elixido este domingo como novo líder do Fine Gael, ao non haber máis candidatos a dirixir o partido. Converterase, polo tanto, no próximo primeiro ministro de Irlanda tras a dimisión de Leo Varadkar.

O prazo para presentar candidaturas para encabezar o partido democristián expirou ás 13:00 horas deste domingo, o que converteu automaticamente a Harris no novo líder do partido.

"Como só se presentou unha candidatura, declaro aquí a Simon Harris como o líder elixido do Fine Gael", proclamou nun acto do partido o presidente do seu consello executivo, Wille Geraghty.

Aos seus 37 anos, Harris converterase no xefe de Goberno máis novo da historia de Irlanda, superando o seu predecesor, Varadkar.

O Parlamento, Dáil, atópase en receso ata o vindeiro 9 de abril, polo que Harris non ten previsto anunciar o seu gabinete ata ese momento, nin probablemente vaia ser votado como novo taoiseach ata esa data.

No seu primeiro discurso como líder do Fine Gael, nun acto na localidade de Athlone, Harris prometeu "traer enerxía e renovación a este partido nun momento en que se necesita".

Despois de render homenaxe ao "importante legado" de Varadkar, Harris, que encabezará un goberno de coalición xunto ao centrista Fianna Fáil e aos Verdes, atacou aos seus máximos rivais, o nacionalista Sinn Féin, de quen dixo que "non poden soportar" todo o que fixo o seu partido por Irlanda.

Tamén considerou, a pesar de todo, que o Fine Gael necesita "reconectar" coa sociedade irlandesa, para as eleccións previstas para 2025.

Entre as súas prioridades están o apoio á empresa, especialmente ás pemes, defender a lei e a orde, un sistema migratorio "xusto" e a defensa da Unión Europea.

Ao mesmo tempo, lembrou a "indignación moral" que senten os irlandeses perante o "desastre" que ten lugar na Franxa de Gaza, onde reclamou un cesamento do fogo inmediato.

Varadkar anunciou a súa dimisión o pasado mércores por sorpresa, dúas semanas despois da inesperada derrota da proposta do Executivo en dous referendos encamiñados a modernizar o concepto de familia e o papel da muller na sociedade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade