Sindicatos e empresarios discrepan sobre a redución da xornada laboral no 1 de Maio
Sindicatos e empresarios discrepan sobre a redución da xornada laboral no 1 de Maio
Paulo Carril, secretario xeral da CIG: "Os avances tecnolóxicos e os cambios na xestión da organización do traballo fan posible a redución da xornada laboral"
Juan Manuel Vieites, presidente da CEG: "Estamos preocupados polo impacto da redución da xornada na produtividade e os custes laborais"
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, valoraban nunha entrevista no Galicia por Diante, da Radio Galega, a redución da xornada laboral que estuda o Goberno e que, neste Primeiro de Maio, é unha das reivindicacións das principais centrais sindicais xunto á mellora e a suba dos salarios.
Desde a CIG, o sindicato con máis delegados en Galicia, din que son partidarios de "repartir o traballo e reducir a xornada laboral" pero consideran insuficiente a proposta que estuda o Goberno e os sindicatos CCOO e UXT que pasaría por ir das 40 horas semanais actuais ás 37,5 horas no 2025. Carril defende as 35 horas e "ir no camiño de aplicar unha xornada semanal de 4 días, é 32 horas".
Considera que "os avances tecnolóxicos e os cambios na xestión da organización do traballo fan posible a redución da xornada laboral e xerar máis riqueza social". Apunta que en Alemaña, "xa están falando de 32 horas" e engade que "a xornada laboral no Estado é superior á media europea e mesmo se repasamos os últimos informes do Consello de Relacións Laborais veríamos que a xornada pactada en Galicia é superior á media do Estado".
Os empresarios rexeitan a proposta. O presidente das CEG, Juan Vieites, recoñece que "están preocupados polo impacto que podería ter na produtividade e os custes laborais adicionais que poderían xurdir á hora de ter que contratar máis empregados para cubrir esas horas perdidas".
Segundo explicou, desde a patronal avogan por dar prioridade a flexibilidade laboral e "adaptarnos ás necesidades do mercado". Destaca que hai cambios que a patronal percibe como "unha restrición á nosa capacidade para xestionar de xeito efectivo as nosas operacións. Algunhas propostas non van na dirección correcta".
Salarios
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualifica de insuficiente o incremento do SMI aprobado polo Goberno e defende que "debería estar en 1.253 euros, a contía que corresponde ao 60 por cento do salario medio no estado español". Asegura que a caída dos salarios é "significativa" e apunta que un de cada tres traballadores ten ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional.
Ademais alerta dos efectos negativos que tivo a reforma laboral aprobada polo Goberno que aumentou a contratación fixa-descontinua e os contratos a tempo parcial, sobre todo entre as mulleres. Dúas modalidades que, di, "non garanten a estabilidade nos ingresos. Cuestión que se agrava coa carestía da vida".
Ante as demandas dunha suba dos salarios, desde a patronal defenden que "hai que equilibrar a demanda salarial coa situación financeira e competitiva das empresas. Nós pensamos que debemos resistirnos a aumentos salariais excesivos que poidan afectar a rendibilidade e viabilidade dos nosos negocios".