Sito Miñanco: "Aquí estase xulgando a miña vida ou o que queda dela"
O histórico narco quixo aproveitar a quenda de última palabra durante o xuízo para denunciar que a acusación da Fiscalía contra el está repleta de contradicións, conxecturas e falacias

O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, acusou na súa quenda de última palabra no xuízo da operación Mito os fiscais de diciren falacias nas súas conclusións e declarou: "Aquí estase xulgando a miña vida, mellor dito o que queda dela".
A Audiencia Nacional celebrou este xoves a xornada 31 do xuízo a 43 acusados nesta causa, entre eles Sito Miñanco, para quen a Fiscalía pide 31 anos e seis meses de prisión ao acusalo de tentar introducir en España en 2017 case catro toneladas de cocaína procedente de Suramérica, ocultar máis de 11 millóns de euros e branquear diñeiro.
Tras concluíren os informes finais das partes, o presidente da Sala, Félix Alfonso Guevara, preguntou se algún acusado quería facer uso da quenda de última palabra coa advertencia de que tería que ser de forma breve, xa que estaba previsto que o xuízo quedase este xoves visto para sentenza tras catro meses de vistas.
O primeiro en pedir a última palabra foi Sito Miñanco, que na súa intervención afirmou que a súa vida xa acabou cando España non cumpriu a resolución que gañou o 18 de febreiro de 2003 no Tribunal Europeo de Estrasburgo ao non anularse a sentenza que o condenou con anterioridade nin repetirse ese xuízo.
Engadiu que en contra do que di a Fiscalía, el gañou ese recurso e España foi condenada por vulneración do artigo 8 do convenio europeo. "O Ministerio Fiscal o que pretende é confundir ao tribunal", abundou.
Sito Miñanco manifestou que non é verdade o que dixo a fiscal nas súas conclusións de que este xuízo da operación Mito non se celebrou hai catro anos porque os avogados dos acusados dilataron o proceso todo o que puideron. "Este xuízo non se celebrou hai catro anos porque o fiscal anterior, o que estaba a levar esta causa, me achacaba a min todo o que pasaba en España", alegou.
Neste momento da súa declaración, o presidente do tribunal interrompeu a Sito Miñanco para aclararlle que a quenda de última palabra está prevista só para engadir algo máis na súa defensa de forma breve.
Pero Sito Miñano aclarou que precisaba máis tempo e por que non contestou na súa declaración no xuízo ás preguntas dos fiscais. "Teño a seguridade de que se eu declaro á Fiscalía o presidente da Sala me expulsa porque podo asegurar que o escrito da acusación está cheo de contradicións, conxecturas e falacias", dixo.
Seguidamente Sito Miñanco comentou que necesitaba estenderse para explicar por que non ten relación coa droga incautada en 2017 en mar aberto no barco Thoran.
Dese xeito e, ao ver que inisitía en que quería dar máis explicacións, o maxistrado decidiu que esta última fase do xuízo continúe este venres, cando Sito Miñanco poderá continuar coa súa intervención.
Operación Mito
No transcurso das pescudas as forzas de seguridade abordaron o 2 de outubro de 2017 en mar aberto, á altura dos Azores, o buque Thoran, no que ían ocultos 3.305 quilos de cocaína que a organización de Sito Miñanco comprara supostamente a redes colombianas, segundo a Fiscalía, e o 9 de novembro seguinte foron intervidos outros 615 quilos nunha nave nos Países Baixos.
A investigación foi levada a cabo entre 2016 e 2018 cando Sito Miñanco residía en Alxeciras, onde terminaba de cumprir en réxime aberto, unha condena por outra causa de narcotráfico.
Tamén se xulga a Gonzalo Boye, o coñecido avogado do expresidente de Cataluña Carles Puigdemont, como presunto autor dos delitos de branqueo de capitais e falsificación de documento oficial, polos que se enfronta a unha petición dos fiscais de nove anos e nove meses de cárcere.
Tal e como explicaba o escrito de acusación, todos os acusados están vinculados a esa investigación desenvolvida no marco da operación Mito, centrada na rede que presuntamente dirixía Sito Miñanco. Esa organización dedicábase principalmente á importación e distribución de substancias estupefacientes (especialmente cocaína) e ao branqueo de capitais, e todo iso mentres o narcotraficante galego estaba en terceiro grao penal.
Ese terceiro grao permitíalle traballar nun aparcadoiro de Alxeciras, pero a súa única e verdadeira actividade profesional continuaba sendo a introdución de substancia estupefaciente en España, dado que mantiña a confianza das organizacións subministradoras e contaba coa loxística suficiente, segundo Fiscalía.
O fiscal explicaba no seu escrito: "Sito Miñanco contaba con (...) unha pléiade de individuos que acumulaban unha notable experiencia criminal no negocio do narcotráfico, dispostos a participar nestas iniciativas criminais, executando de forma case reverencial calquera actividade que lles pedise".
Por iso, o Ministerio Público aseveraba que en realidade Sito Miñanco fixera do narcotráfico o seu modus vivendi de maneira continuada e estable a pesar das diversas condenas impostas por delitos contra a saúde pública. "Carecía da máis mínima vontade de rehabilitarse e reinserirse na sociedade", explicaba.
E resaltaba que tal era a natureza eminentemente personalista da rede, que todas e cada unha das decisións eran adoptadas ou supervisadas por Sito Miñanco, que usaba o alias de Mario, a pesar das limitacións que representaba o seu réxime penal.
O escrito detallaba que, grazas á investigación policial, estragáronse dúas operacións da rede que pretendían introducir enormes cantidades de cocaína en España.
Unha tivo lugar en outubro de 2017, cando se abordou o buque Thoran, que transportaba 3,3 toneladas de cocaína, e a segunda foi a aprehensión dun contedor de cocaína nos Países Baixos que ocultaba 615 quilos da substancia en novembro do mesmo ano.