Publicador de contidos
Publicador de contidos

Continúan en alerta por risco de inundación os ríos Miño, Mendo e Mero

Continúan en alerta por risco de inundación os ríos Miño, Mendo e Mero

A vixilancia do caudal céntrase nas localidades da Peroxa, Salvaterra e Betanzos

G24.gal 22/01/2023 11:36 Última actualización 22/01/2023 14:32

O río Miño vai volvendo á normalidade tras as riadas dos últimos días, pero continúa a alerta na Peroxa, concretamente na parroquia dos Peares, e Salvaterra. 

Na Demarcación Galicia-Costa, están nesta situación o Mendo e o Mero ao seu paso polo concello de Betanzos.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (INUNGAL).

Situación en Ourense

As instalacións de Oira, en Ourense, seguen totalmente cubertas polo río. Porén, o nivel da auga baixou máis dun metro e xa se albiscan os vasos das piscinas, as duchas e os arrastres da corrente. 

Nunha mañá solleira tras días e días de chuvia, os paseos fluviais enchéronse de xente, cámara en man para rexistrar os efectos da auga.

A presa de Velle segue aliviando uns 1.500 metros cúbicos por segundo e obsérvase na forza da corrente que ao seu paso arrastrou bancos, papeleiras, sinalizacións e o valado das termas da Chavasqueira.

Todas as instalacións termais, situadas no propio leito do río, están afectadas. Ocorre ano tras ano, pero non con tanta intensidade.

En Ourense levantouse xa a alerta polo risco de inundacións, pero continúa activa en Salvaterra e nos Peares, no concello da Peroxa.

Alerta en Betanzos

Na área natural de Chelo, a forza do Mandeo sorprende mesmo aos camiñantes asiduos. Porén, en Betanzos, están en alerta o Mero e o Mendo, que baixa con vigor por baixo da ponte vella das Cascas.

O antigo lavadoiro está totalmente anegado e a auga entrou nos terreos dalgunhas casas e nos garaxes dos edificios máis próximos ao río. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade