Só seguen activos en Galicia os incendios do Courel

Os únicos dous incendios forestais que seguen activos en Galicia están no Courel (Lugo) e son os de Folgoso-A Pobra do Brollón, que se mantén en 10.000 hectáreas queimadas, e o de Folgoso-Seceda, que continúa en 1.100.
O último parte de Medio Rural deste luns, con datos solicitados ata as oito e media da tarde, informa ademais de que foi controlado o lume de Outeiro, na localidade lucense de Quiroga, e extinguido o de Nocedo, no mesmo municipio.
En Ourense, quedou estabilizado, dous minutos antes das seis e media da tarde, o lume de Vilariño de Conso, que afecta o parque natural do Invernadoiro e acabou con 6.500 hectáreas, segundo os datos provisionais.
O de Carballeda, con 10.500 hectáreas devastadas, foi dado por controlado ás 20:25 e igualmente o de Rabal, en Oímbra, tras 2.100 hectáreas calcinadas.
A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.