Sonia Méndez ultima na Fonsagrada a rodaxe do filme 'As neves'
Sonia Méndez ultima na Fonsagrada a rodaxe do filme 'As neves'
A directora viguesa explica que é a historia dun grupo de adolescentes do rural que se teñen que enfrontar ás consecuencias dun feito dramático
Visitou a rodaxe o conselleiro de Cultura, que se amosou convencido de que 2023 volverá ser un bo ano para o audiovisual galego
A viguesa Sonia Méndez ultima na Fonsagrada a rodaxe da súa primeira longametraxe de ficción, As neves. Trátase dun drama psicolóxico ambientado no rural e protagonizado por nove intérpretes adolescentes escollidos entre máis de 500.
A historia conta como van cambiando as súas personaxes despois de que se filtre o vídeo sexual dunha moza que logo desaparece no medio dunha intensa nevarada.
"Teñen que enfrontarse ás súas consecuencias e crecer, pasar a fase adolescente para camiñar cara á vida adulta", conta a directora.
Visitou a rodaxe o conselleiro de Cultura Román Rodríguez, que dixo estar convencido de que 2023 volverá ser un bo ano para o audiovisual galego e gabou esta rodaxe.
"Ten moitas virtudes, coma a súa capacidade de creación de emprego, nuns dous meses traballan 60 persoas neste proxecto. Outra virtude é que se grava na provincia de Lugo, en espazos rurais", di o conselleiro.
O filme conta con localizacións na Pontenova, e tamén en Santiago de Compostela. Está producido pola empresa compostelá Cósmica Producións e a madrileña Aquí y Allí Films. E conta coa participación da Televisión de Galicia.