Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan o incendio ocorrido un edificio de Ourense polas sospeitas de que foi provocado

Investigan o incendio ocorrido un edificio de Ourense polas sospeitas de que foi provocado

O inmoble, situado na zona vella da cidade, quedou precintado porque non se pode habitar 

Tamén houbo danos en vivendas e negocios dos edificios lindeiros

G24.gal 28/10/2024 13:42

Non se sabe con exactitude canta xente vivía no edificio que ardeu o sábado pasado na rúa García Mosquera de Ourense. Só estaba habitado o primeiro andar e, segundo os veciños, nunhas condicións de indixencia.

"Aquí abaixo gardaban moitas cousas, que foi o que prendeu con tanta forza. Un dixo que iso fora un axuste de contas, pero eu creo que os peritos son os que comprobarán por onde comezou", explica un veciño da zona.

As tres persoas que había no inmoble no momento do incendio saíron coa axuda dun veciño. "Había un furgón de reformas que tiña unha escada e foi o que os axudou a baixar, antes de que viñeran os bombeiros", indica Beilei, veciña do edificio contiguo.

Cando chegaron os bombeiros, había dous focos activos.

"Non sabemos se ao andar superior se propagou polas escaleiras ou se se iniciaron dous focos ao mesmo tempo. É outra das cousas que hai que investigar", asegura José Benito Álvarez González, oficial xefe dos Bombeiros de Ourense.

O edificio quedou precintado e nas vivendas lindeiras, que tamén foron desaloxadas, fan balance dos danos. "Escoitábanse estoupidos, non sei de que. Por exemplo, no meu piso os cristais están rotos, a lavadora queimada, o quentador tamén queimado...", explica Beilei.

Os labores de extinción tamén deixaron danos nesta tenda de segunda man. A auga filtrouse polo falso teito e afectoulle á mercadoría. "Fundíronse as lámpadas, o teito levantouse e cae unha pingueira moi grande que nos obrigou a sacar caldeiros de auga", sinala Marta Losada, dona da tenda.

O edificio afectado non se pode habitar polos graves danos estruturais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade