Stellantis fará novos paros forzados pola falta de materias primas e microchips
Stellantis fará novos paros forzados pola falta de materias primas e microchips
A guerra en Ucraína afecta a subministración de materiais
Hai convocada unha reunión na mañá do xoves para ofrecer máis información ao respecto
A dificultade de subministracións de materias primas por mor da recente guerra en Ucraína e a xa coñecida crise dos microchips volve provocar un novo peche temporal da factoría Stellantis de Vigo. Non traballará esta fin de semana, e ademais a compañía propón novos paros indeterminados.
A situación complícase tanto na planta de Vigo como noutras do grupo Stellantis. O conflito bélico en Ucraína está a provocar que o grupo reprograme por completo a súa actividade, porque de alí proceden materiais como o aluminio ou o paladio, esenciais na fabricación de automóbiles.
Na tarde do mércores transcendeu que directivos do grupo comunicaron a algunha empresa auxiliar que a partir do mércores día 9 poderán darse novos cesamentos da actividade por un prazo indeterminado.
Isto xera preocupación nos 7.000 traballadores da planta viguesa e está convocada para a mañá do xoves unha reunión co comité de empresa e, alí, os sindicatos agardan que a dirección lles dea máis información sobre estas novas preocupantes que aínda non teñen confirmadas.