Publicador de contidos
Publicador de contidos

Suecia confirma o achado de restos de explosivos no Nord Stream

Suecia confirma o achado de restos de explosivos no Nord Stream

A fiscalía sueca confirma que as fugas dos gasodutos se deberon a un acto de "sabotaxe grave", pero aínda non determina a autoría

G24.gal 18/11/2022 10:36

As autoridades suecas confirmaron este venres o achado de restos de explosivos nos gasodutos rusos Nord Stream 1 e 2, o que confirma que o incidente sufrido a finais de setembro pasado foi un acto de "sabotaxe grave".

"As análises realizadas mostran restos de explosivos en varios dos obxectos atopados", informou a Fiscalía sueca nun comunicado, en que engade que a investigación determinará "se se pode sinalar algún sospeitoso".

En total localizáronse dúas fugas en cada gasoduto (ambos fóra de servizo), dúas na zona danesa e dúas na sueca, todas en augas internacionais, que os gobernos afectados cualificaron pronto como "sabotaxe".

As autoridades danesas tamén teñen aberta unha investigación, mentres a compañía operadora do gasoduto Nord Stream 1, controlada polo xigante ruso Gazprom, enviou a finais de outubro á zona unha embarcación para examinar os danos.

Ningún dos dous gasodutos estaba en servizo cando se produciron os accidentes. O primeiro interrompeu as subministracións hai meses, ao alegar Moscova problemas técnicos, mentres que o segundo nunca entrou en funcionamento, posto que o Goberno alemán o bloqueou por mor do recoñecemento por Moscova das autoproclamadas repúblicas separatistas do Donbás, en febreiro.

Moscova acusou países "anglosaxóns" de estar detrás do incidente, aludindo á oposición que mantivo Washington ao proxecto durante anos, mentres  que desde Occidente apuntan a Rusia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade