Sumar presentará o martes o seu ditame xurídico sobre a amnistía
Sumar presentará o martes o seu ditame xurídico sobre a amnistía
O texto xa foi enviado a Junts, que "agradece" o traballo
O PSOE desmárcase do documento encargado por Sumar
No plano económico, Yolanda Díaz busca o apoio para a investidura dos axentes sociais de Cataluña, este venres reuníndose coa patronal das pemes. A nivel político, será o próximo martes cando o seu partido presente en Barcelona o ditame que lle encargou a vinte xuristas sobre unha eventual lei de amnistía.
Xa lle enviaron o texto a Junts, que agradece o traballo e promete responder axiña. Yolanda Díaz recalca que "é o ditame de Sumar", pero insiste en que "traballa coordinadamente" con Pedro Sánchez.
Pero, polo momento, os socialistas desmárcanse publicamente da proposta de Sumar. Para Félix Bolaños, ministro da Presidencia en funcións, "é un documento respectable pero non é a posición do PSOE".
Tamén se distancia dese documento o líder dos socialistas cataláns, que pide oficio político e menos manifestacións, como a convocada por Sociedade Civil Catalá para este domingo. Para Salvador Illa, primeiro secretario do PSC, "é o momento das institucións, non é o momento das manifestacións nin da rúa".
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, descarta que as protestas vaian influír nas negociacións porque son os deputados do Congreso os que "van decidir" e "non os berros na rúa". Para o líder de ERC "a amnistía é un feito".
Dende o PNV, Aitor Esteban desvelou que xa se traballa con "borradores" desa lei "dende hai tempo". O voceiro dos jeltzales no Congreso apunta que "se soa tanto o río é que leva auga".
Pola súa parte, os populares seguen criticando o que consideran unha "chantaxe". Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, "é unha anomalía a nivel europeo que un político estea disposto a amnistiar outros políticos que atentaron contra a orde constitucional do seu país, única e exclusivamente por permanecer no poder".
Os populares vanlle solicitar formalmente á presidenta do Congreso que fixe unha data para a investidura.