Publicador de contidos
Publicador de contidos

Taiwán condena as manobras militares chinesas ao redor da illa

Taiwán condena as manobras militares chinesas ao redor da illa

O Ministerio de Defensa ordenou ás súas aeronaves, buques e sistemas de mísiles "responder ás actividades"

G24.gal 08/04/2023 08:26 Última actualización 08/04/2023 14:51

Taiwán condena as manobras militares que realiza Pequín ao redor da illa e considéraas "un acto irracional que pon en perigo a seguridade e a estabilidade rexional".

O Ministerio de Defensa sinala na súa conta oficial de Twitter que encargou ás súas aeronaves, os seus buques e os seus sistemas de mísiles "responder ás actividades".

Así mesmo, informa da incursión de 42 avións militares chineses na Zona de Identificación Aérea de Taiwan, e asegura que 29 cruzaron a liña mediana do Estreito, fronteira non oficial pero tacitamente respectada pola China e pola illa autogobernada, que reclama Pequín.

As autoridades chinesas notificaron a organización das manobras uns días despois de que a presidenta taiwanesa, Tsai Ing-wen, se reunira co presidente da cámara de representantes dos Estados Unidos, Kevin McCarthy, en California.

O Goberno chinés considera a operación, que se vai prolongar ata o luns, unha "seria advertencia" contra a provocación das forzas separatistas" e unha "acción necesaria para protexer a soberanía nacional e a integridade territorial" do país.

Situación similar

A situación lembra a vivida en agosto do ano pasado, cando a visita a Taiwán da daquela presidenta da cámara de representantes, Nancy Pelosi, enfureceu a Pequín, que respondeu con manobras militares ao redor da illa.

Pequín considera Taiwan unha provincia rebelde desde que os nacionalistas do Kuomintang se repregaron alí en 1949 tras perderen a guerra civil contra o Exército comunista. 

A illa é un dos motivos principais de conflito entre a China e os Estados Unidos, sobre todo porque Washington é o subministrador principal de armas de Taiwán e sería o seu maior aliado militar en caso de conflito bélico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade