Publicador de contidos
Publicador de contidos

Takekazu Asaka, embaixador da lingua galega no Xapón, académico de honra da RAG

Takekazu Asaka, embaixador da lingua galega no Xapón, académico de honra da RAG

Traduciu ao xaponés a Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra e os poetas medievais

Impartiu clases de galego en varias universidades xaponesas e no Instituto Cervantes de Toquio

Takekazu Asaka pronuncia o seu discurso como académico de honra
G24.gal 08/06/2024 20:11 Última actualización 08/06/2024 21:10

Cambados acolleu este mediodía o acto de recepción do profesor Takekazu Asaka como académico de honra da Real Academia Galega. Natural de Toquio, leva máis de tres décadas estudando o galego e a súa literatura.

Traduciu ao xaponés as cantigas de Martín Códax e de Afonso X, así como obras de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra e Ramón Cabanillas.

Desde os anos 90 publicou varias obras sobre a gramática e o léxico do galego, idioma que considera a súa segunda lingua.

"Estoulles moi agradecido aos meus amigos galegos  que me animaron a traballar sobre a súa lingua, que desde hai tempo considero miña. Doulles fe do meu amor polo galego. Moitas grazas por todo. Viva a fermosa lingua galega no mundo", dixo Takekazu Asaka no seu discurso.

O académico Francisco Fernández Rei foi o encargado de darlle a resposta a Takekazu Asaka, de quen destacou o seu traballo como embaixador da lingua galega no Xapón.

"A súa paixón foi e segue a ser a lingua e a literatura galegas, pois leva estudándoas 40 anos, traducindo ao xaponés poetas medievais e modernos e difundindo a nosa poesía a través da música", destacou Francisco Fernández Rei, académico de número da RAG.

Asaka recitou en galego e xaponés algúns dos poemas que traduciu e manifestou a súa vontade de seguir espallando a lingua e a literatura galegas no seu país.

O profesor afondou no estudo do idioma en obras como Gramática do galego moderno (1993),  Nova gramática galega (2016), Guía de conversación en galego (1994) ou Vocabulario básico da lingua galega (1996).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade