Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tanxugueiras, segundas clasificadas para a final do Benidorm Fest

Tanxugueiras, segundas clasificadas para a final do Benidorm Fest

Actuaron cunha posta en escena en tons negros e dourados, corpo de baile e percusionista

Reivindicaron o papel da muller e da memoria histórica no Benidorm Fest

Conseguiron 38 puntos do xurado, 25 do xurado demoscópico e 30 do televoto

G24.gal 26/01/2022 23:07

Tanxugueiras clasifícase nun segundo posto para a final do Benidorm Fest, que se celebrará o vindeiro sábado. Dese festival sairá elixida a proposta que representará a España no festival de Eurovisión en Turín.

Xunto con Tanxugueiras, nesta primeira semifinal actuaron as artistas Chanel, Blanca Paloma, Varry Brava, Azúcar Moreno e Unique. Das seis actuacións da noite, catro artistas clasificáronse para a gran final do sábado: en primeiro lugar Chanel, no segundo posto Tanxugueiras, Blanca Paloma de terceira e Varry Brava na cuarta posición.

Unha posta en escena galega en negros e dourados

No escenario do Palacio dos Deportes L'illa de Benidorm, Tanxugueiras fixo vibrar a Terra cunha posta en escena marcada por un vestiario en negro, adornado con elementos do traxe tradicional, ornamentación dourada e encaixe.

Con elas, dous bailaríns con saia e o torso espido acompañaban o son das voces de Olaia, Sabela e Aida, as pandeiretas e a percusión. Esta última tamén foi un elemento clave da actuación, que tomou un especial protagonismo debido aos marcados ritmos e acusada presenza no propio tema.

Polas mulleres, o idioma e a memoria

Tanxugueiras téñeno claro: a cultura, as mulleres e a memoria. E non necesariamente nesta orde. Todas co mesmo peso. Olaia dixo na cidade alicantina: "Esta é a nosa proposta e queremos que sexa tamén a vosa. As culturas e os idiomas están unidos por un fío invisible porque non hai fronteiras".

Aida, pola súa parte, quixo reivindicar a voz das mulleres: "Queremos dar voz ante toda Europa a todas as mulleres anónimas que nos deixaron o seu legado. Elas sen saber ler nin escribir facían arte".

Sabela quixo facer o propio da memoria: non esquecela. "Queremos levar "Terra" a Eurovisión por nós, polas que veñen e tamén polas que se foron. Porque sen memoria perdemos a nosa identidade e non hai futuro", clamou en Benidorm.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade