Telefónica celebra o seu centenario recuperando a participación estatal na empresa
Telefónica celebra o seu centenario recuperando a participación estatal na empresa
Nos primeiros cinco anos de vida de Telefónica, España pasou a ter máis liñas que calquera país de Europa
Telefónica celebrou este venres o seu centenario na Bolsa de Madrid cun simbólico toque de campá, protagonizado polo seu presidente.
José María Álvarez-Pallete destacou o papel dos seus accionistas, sen os que sería "imposible" levar a tecnoloxía a todo o país.
Fai hoxe xusto 100 anos un avogado novo, Gumersindo Rico, foi á Notaría de Madrid a rexistrar Telefónica Nacional de España, nun contexto no que se decidiu unificar as redes de telecomunicacións do país e "a comunicación deixou de ser un privilexio", lembrou Álvarez-Pallete.
Creouse por entón unha nova compañía, que estaba representada por 2.000 accións e un capital dun millón de pesetas, o que hoxe serían 6.000 euros.
A empresa estadounidense International Telephone and Telegraph Corporation (ITT) foi o seu principal accionista.
Nos primeiros cinco anos de vida de Telefónica, España pasou a ter máis liñas que calquera país de Europa, lembrou Álvarez-Pallete, quen tamén rememorou as antigas "Matildes", nome polo que se coñecían as accións de Telefónica a finais dos 60 e que se converteron en cultura popular.
A primeira ampliación de capital do operador que foi xa en 1925.
En 1945 o Estado adquiriu o 79,6 % das accións de Telefónica por uns 600 millóns de pesetas -3,6 millóns de euros-.
En 1960, a compañía converteuse na primeira empresa española, con 100.000 accionistas e 32.000 empregados. En 1997 Telefónica pasou a ser privada.
A compañía está dividida en 5.750,46 millóns de accións dun euro. En 2023 facturou 40.652 millóns de euros.
Hai menos dun mes, o 25 de marzo, a SEPI comunicou que tiña máis dun 3 % das accións de Telefónica, co que o operador ten de novo capital do Estado.
O luns, aflorou máis dun 5 % do capital e hoxe a SEPI é o seu principal accionista.
Mentres, estase á espera de se a saudita STC Group completa o 9,9 % de participación na compañía como anunciou o pasado setembro, cando se fixo co 5 %.
Filipe VI rememora a seu avó
Con motivo deste centenario, Telefónica publicou un vídeo no que participa o rei Filipe VI.
Telefónica cumple hoy 100 años. Un siglo de vida al servicio del progreso de todo un país. Muchas cosas han cambiado tras la icónica imagen de Don Alfonso XIII inaugurando nuestro edificio de Gran Vía.
— Telefónica (@Telefonica) April 19, 2024
Pero otras siguen igual: el apoyo de Casa de SM el Rey (@CasaReal) en… pic.twitter.com/54oyWWJ0eX
O rei aparece con Álvarez-Pallete nunha imaxe similar á que fixeron 100 anos atrás o monarca Afonso XIII co entón presidente de Telefónica, Estanislao de Urquijo.
Precisamente, Afonso XIII foi o que protagonizou a primeira chamada intercontinental desde España aos Estados Unidos ao telefonar ao presidente estadounidense, Calvin Coolidge. Foi cinco anos despois do nacemento de Telefónica.