Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tellado, Miñones, Marta Lois e Néstor Rego, no debate da CRTVG deste venres

Tellado, Miñones, Marta Lois e Néstor Rego, no debate da CRTVG deste venres

Moderado polo xornalista Luís Ojea, transmitirase simultaneamente na TVG, a Radio Galega e G24.gal a partir das 10 da mañá

A semana que vén realizaranse entrevistas individuais aos candidatos destes partidos, que se poderán seguir a través da Radio Galega e quedarán dispoñibles en G24.gal

G24.gal 13/07/2023 13:09

A Corporación Radio e Televisión de Galicia está a facer unha intensa despregadura para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións xerais do 23 de xullo. Á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos, a CRTVG ofrece este venres un debate en que participarán os cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña de PP, PSOE, Sumar e BNG: Miguel TelladoXosé MiñonesMarta Lois Néstor Rego, respectivamente.

O debate, moderado polo xornalista Luís Ojea e dunha hora de duración, emitirase en directo, de 10:00 a 11:00 h, en todos os medios da CRTVG: Televisión de Galicia, Radio Galega e a través da canle dixital  G24.gal. Será reemitido a través da G2 ás 22:45 h do mesmo día, onde se incorporará a interpretación en lingua de signos.

Os bloques de debate acordados no plan de cobertura son: a situación política actual, gobernación e modelo de Estado; as políticas sociais e atención á cidadanía, e un terceiro sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

Ademais, a vindeira semana realizaranse, desde o mesmo estudio multimedia, catro entrevistas individuais aos candidatos. A quenda do BNG será o luns 17 de xullo; Sumar Galicia, o martes 18; PsdeG-PSOE, o mércores 19, e PP, o xoves 20. Todas elas terán lugar ás 08:30 h, poderán escoitarse na RG e tamén a través da web. As datas, horarios e tempos destas entrevistas establecéronse segundo criterio de proporcionalidade con respecto aos resultados das últimas eleccións.

E a isto hai que sumarlle a despregadura informativa do propio domingo 23 de xullo, con cobertura nos distintos servizos informativos da TVG, con dous adiantos informativos, un ao mediodía e outro pola tarde, e un programa especial, de máis de cinco horas de duración, presentado por Marta Darriba, Marcos Sueiro e Carlos Amado.

Este espazo establecerá conexións coas sedes dos partidos e os principais centros de votación, ofrecerá ás 20:00 h o resultado do tracking realizado por Sigma Dos para FORTA e, unha vez pechados os colexios electorais, seguirá o minuto a minuto do reconto.

A Radio Galega tamén ofrecerá toda a actualidade da xornada a través dos seus especiais informativos desde primeira hora da mañá, e cun programa especial que analizará todas as claves da cita coas urnas.

Toda a xornada electoral poderá seguirse en G24.gal, onde poderán consultarse os datos da enquisa de Sigma Dos e o posterior avance do escrutinio, no que se inclúen os resultados nas provincias e concellos galegos e un pactómetro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade