Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel prepara unha incursión terrestre no Líbano, mentres Beirut fala de "esforzos serios" para a tregua

Israel prepara unha incursión terrestre no Líbano, mentres Beirut fala de "esforzos serios" para a tregua

"Entraredes, destruiredes o inimigo e destruiredes definitivamente a súa infraestrutura", díxolles aos soldados israelís o xefe do Estado Maior

Beirut fala dunha posible tregua e di que as vindeiras 24 horas serán fundamentais

Máis de 90.000 libaneses tiveron que abandonar os seus fogares nos últimos seis días

Polo menos 51 mortos e 223 feridos nunha nova xornada de bombardeos israelís no Líbano

O xefe do Estado Maior de Israel, Herzi Halevi, falando cos soldados
G24.gal 25/09/2024 15:25

O xefe do Estado Maior de Israel, Herzi Halevi, dixo este mércores que os ataques aéreos sobre O Líbano están a servir para preparar o terreo para unha posible incursión terrestre israelí contra Hezbollah, despois de que o Exército convocara dúas brigadas para realizar "misións" no norte.

"Podedes oír os avións aí arriba, atacamos todo o día. Tanto para preparar o terreo para a posibilidade da vosa entrada como para seguir facendo dano a Hezbollah", dixo o responsable durante un exercicio militar na fronteira.

Halevi detallou que a posible "manobra" israelí consistiría en entrar en vilas do sur do Líbano que o grupo xiíta "converteu nunha gran base militar", para destruír a infraestrutura do grupo na zona.

"Chegades moito máis fortes e con moita máis experiencia que eles. Entraredes, destruiredes o inimigo, e destruiredes definitivamente a súa infraestrutura. Estas son as cousas que nos permitirán devolver os residentes do norte aos seus fogares", asegurou Halevi.

O Exército israelí chamou a filas este mércores dúas brigadas de soldados reservistas para realizar "misións operativas" no norte, en plena escalada dos ataques contra o grupo xiíta Hezbollah no Líbano.

"Isto permitirá continuar co combate contra a organización terrorista Hezbollah e a defensa do Estado de Israel, e creará as condicións para permitir aos residentes do norte de Israel regresar aos seus fogares", dixeron as forzas israelís nun breve comunicado, no que non ofreceron máis detalles.

O Líbano di que hai "esforzos serios" para unha tregua e que as vindeiras 24 horas serán fundamentais

O presidente do Parlamento libanés, Nabih Berri, revelou este mércores que se están facendo "esforzos serios" para unha solución política co fin de alcanzar unha tregua no enfrontamento entre Israel e o grupo libanés xiíta Hezbollah, e considerou que "as próximas 24 horas serán decisivas".

De feito, o primeiro ministro do Líbano, Najib Mikati, mantivo un encontro este mércores cos líderes dos Estados Unidos, Francia, Palestina e Iraq en Nova York antes do Consello de Seguridade da ONU para tratar a escalada de violencia no país por parte das forzas israelís.

Israel comezou o pasado luns unha intensa campaña de bombardeos concentrados, sobre todo, no sur e o leste do Líbano contra o que asegura son foguetes e mísiles que o grupo xiíta, aliado de Irán, esconde en zonas civís para atacar Israel.

Os ataques xa acabaron coa vida de máis de 550 persoas e provocaron o desprazamento interno de decenas de miles de libaneses. De feito, máis de 90.000 persoas tiveron que abandonar os seus fogares nos últimos seis días, coincidindo cunha onda de ataques israelís sen precedentes en case un ano de violencia, informou este mércores a Organización Internacional para as Migracións (OIM).

Este martes, o xefe do Comando Norte do Exército, o maior xeral Ori Gordin, suxeriu durante unha visita ás tropas que deben estar preparados para "manobrar" no interior do Líbano.

"Entramos noutra fase da campaña (...). A operación comezou cun golpe moi significativo ás capacidades de Hezbollah e un golpe moi significativo aos comandantes da organización", dixo Gordin durante unha visita a unha brigada apostada na fronteira norte de Israel.

Está previsto que o primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, convoque na tarde deste mércores ao seu Gabinete de Seguridade en Tel Aviv para discutir a situación, poucas horas antes da súa viaxe aos Estados Unidos para participar na Asemblea Xeral da ONU.

O Exército israelí dixo este mércores que atacou "60 obxectivos de intelixencia" de Hezbollah cos seus bombardeos sobre O Líbano, entre eles cuarteis e infraestrutura utilizados polo grupo para recompilar información.

O grupo libanés tamén incrementou os seus ataques contra Israel e mesmo contra puntos máis aló da fronteira, onde se concentraron os seus bombardeos durante estes once meses de lume cruzado.

As sirenas soaron á primeira hora da mañá no centro do país, incluído Tel Aviv, ao detectar a chegada dun mísil de longo alcance disparado desde Líbano que foi interceptado polo Exército.

Israel e Hezbollah levan enfrascados nun intenso intercambio de fogo desde o 8 de outubro, cando o grupo xiíta comezou a lanzar ataques contra o norte de Israel en solidariedade coas milicias palestinas da Franxa de Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade