Publicador de contidos
Publicador de contidos

Responsables do bar coruñés atacado polos ultras do Málaga C.F cren que puido haber unha traxedia

Responsables do bar coruñés atacado polos ultras do Málaga C.F cren que puido haber unha traxedia

Os ultras do Málaga destrozan un bar nas inmediacións de Riazor

Polo momento non houbo detencións polos incidentes protagonizados na madrugada do domingo por seareiros do Málaga C. F.

O adestrador do Málaga condena os feitos e di que "esto ten que rematar"

Imaxe dun grupo de ultras vestidos de negro este domingo polas rúas da Coruña
G24.gal 06/10/2024 11:45

Dúas persoas foron detidas este domingo por enfrontamentos coa Policía na Coruña antes do partido entre o R. C. Deportivo e o Málaga C. F.

Fontes policiais confirmaron a Europa Press que as persoas detidas tras enfrontamentos coas unidades de intervención policial na zona da praza de Pontevedra están relacionadas coa afección do Dépor. Asimesmo, estas mesmas fontes sinalaron que non se tratou dun enfrontamento entre afeccións.

Estes feitos prodúcense despois de que na noite anterior  un cento de ultras do Málaga provocaran desfeitas pola contorna da rúa Manuel Murguía. En concreto, romperon a cristaleira dun bar e diferentes obxectos tanto do establecemento coma do mobiliario urbano. Detivéronse ás portas dun bar cando identificaron varios Riazor Blues no interior. Non chegou a producirse un enfrontamento entre eles porque os propietarios conseguiron pechar a porta a tempo. O que non puideron evitar foron os estragos. 

Os responsables do negocio aseguran que foron momentos moi tensos, que puideron rematar en traxedia.

 

Segundo fontes consultadas por Europa Press, polo momento non se produciu ningunha detención por estes incidentes e, tras a chegada de efectivos da Policía Nacional, regresaron á hospedaxe na que se atopaban aloxados fóra da Coruña.

Neste contexto, durante a mañá deste domingo víronse imaxes de numerosos grupos de persoas vestidas de negro con paus e barras por diferentes zonas da cidade, como o barrio do Orzán ou o Paseo de Riazor.

As forzas de seguridade investigan o sucedido e para este domingo mantense o reforzo policial, xa que o partido xa fora declarado de alto risco pola Comisión Antiviolencia. Pasadas as once da mañá, case tres horas antes do inicio do encontro, os afeccionados do Málaga foron escoltados pola Policía ata as portas do estadio. De igual maneira saían de Riazor ao remate do encontro.

Condena da alcaldesa e da Liga, que se personará como acusación

Mentres, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, condenou os "intolerables actos protagonizados por seguidores do Málaga" na cidade e a súa "solidariedade cos negocios afectados".

Tamén apuntou que a Policía traballa para identificar os responsables do ocorrido e "responderán ante a Xustiza". "Pido responsabilidade para o partido de hoxe (domingo) en Riazor", conclúe.

Do mesmo xeito, a Liga condenou tamén os incidentes, que considera que "prexudican gravemente" a imaxe do fútbol español. "LaLiga condena enerxicamente os incidentes violentos ocorridos na noite de onte por parte de afeccionados radicais do Málaga Cf. Estes actos non teñen cabida no deporte nin na sociedade, e prexudican gravemente a imaxe do fútbol español", apuntou.

"Como parte do noso firme compromiso coa erradicación da violencia no deporte, LaLiga comparecerá como acusación nos procedementos xudiciais que se deriven destes feitos, colaborando coas autoridades para identificar e sancionar aos responsables", finalizou.

O adestrador do Málaga condena os feitos e di que "esto ten que rematar"

O adestrador do Málaga, Sergio Pellicer, non se mordeu a lingua ao ser preguntado na rolda de prensa posterior ao duelo de Riazor, onde o seu equipo empatou sen goles contra o Dépor, polos tristes incidentes protagonizados polos ultras do conxunto andaluz na Coruña.

“Son moi claro, condenar e rexeitar a violencia. Na previa, na miña rolda de prensa, xa dixen que era un partido bonito entre dous afeccionados brutais, que pasaron de todo. O duns poucos non reflicte todo o que é a afección do Málaga”, explicou o técnico valenciano.

“Vós vivistes catro anos en Segunda B e nós o ano pasado vivimos desprazamentos de 5.000 persoas. Quitando uns poucos, a afección do Málaga é pureza, respecto e fidelidade. Pregúntome o por que”, incidiu.

Por iso, Pellicer pediu aos dirixentes do fútbol español e ás autoridades gobernamentais que terminen “dunha vez” con isto.

Por último, Pellicer xustificou a decisión dos seus futbolistas de ir saudar aos afeccionados malaguistas que se atopaban na bancada de Riazor á conclusión do encontro.

“Aí había xente que estaba no hotel, que se botou 12 horas e que nos segue a todos lados. Por uns poucos non podemos cambiar. Nós temos que saudar a esa xente que está todos os días connosco. O fácil agora é criticar ese saúdo. Os xogadores foron saudar porque o 90 por cento desa xente respecta o malaguismo e sénteo. Pero tamén é certo que, como en todos os lados, hai outros que non representan os valores do Málaga”, concluíu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade