Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prosegue a vacinación masiva contra a covid para maiores de 85 anos

Prosegue a vacinación masiva contra a covid para maiores de 85 anos

Están a recibir a dose de reforzo nos grandes recintos

Tamén poden poñer a vacina contra a gripe

O Sergas ofrece facilidades de acceso e citación

Ringleira para a cuarta dose no Hospital de Ourense
G24.gal 09/10/2022 14:16 Última actualización 09/10/2022 17:41

Ao redor de 140.000 galegos e galegas, o 5,2 % da poboación, ten máis de 85 anos. Este grupo de idade é o primeiro en recibir a cuarta dose da vacina contra a covid.

A campaña comezou nas residencias de maiores onde o Sergas administrou preto de 20.000 unidades. Agora, está completando o proceso nos grandes recintos, habilitados nas cidades principais dende o venres, e nalgúns hospitais.

No de Ourense, este domingo citaron preto dun milleiro de persoas. Algunhas quéixanse dos desprazamentos. Isolina chegou á sala de vacinación acompañada pola súa filla. Como vive preto, non tivo problema. A data, tamén lle veu ben.

"Cando me avisaron dixen, mira que ben. Ía marchar de vacacións, e así póñenma antes".

Segunda volta

Se a collese de vacacións, tampouco sería un problema, porque haberá unha segunda volta nos centros de saúde das cabeceiras de comarca. O obxectivo, din as autoridades sanitarias, é chegar á maior porcentaxe de poboación posible.

"Indican que están a aumentar outra vez os casos de covid, así que hai que protexerse con vistas ao próximo inverno", explica Diego Carrizo Álvarez, coordinador de vacinación no CHUO.

Tamén están atendendo persoas menores de 85 que queren aproveitar a viaxe dalgún familiar. De Bande, a 42 quilómetros da capital, viñeron tres, compartindo coche.

"A ver, o coche custa, así que xuntámonos todos e viñemos", comenta unha delas.

Vacina combinada

Estanlles administrando a nova vacina de Pfizer combinada, para a cepa orixinal e para a máis recente, a ómicron. A maioría aproveita para poñer tamén a da gripe.

A partir do día 17 comezarán chamar as persoas que teñen entre 80 a 84 anos, e así sucesivamente, por franxas de idades en sentido descendente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade