As terrazas do centro da Coruña enfrontan veciños e hostaleiros
Piden que se garanta o acceso ás vivendas en caso de emerxencia
Estas son as terrazas da polémica: prazas de estacionamento habilitadas excepcionalmente para o uso dos locais de hostalería. Pero para outros tamén son fonte de problemas.
"Están poñendo unhas terrazas que ocupan máis que a súa fronte. Din que é con permiso do baixo que teñen pegado, pero non da comunidade de veciños".
Preocúpalles o feito de que o Concello decida prorrogar o seu uso. Din que deberían contar co permiso dos residentes nos edificios que se poidan ver afectados. E de non ser así, que polo menos se adopten medidas que minimicen o impacto negativo que poden ter no seu día a día.
Fronte a eles, os hostaleiros, que din que o único que fan é cumprir coa normativa: "Antes había o mesmo problema. Cos coches aparcados tampouco podía acceder unha cadeira de rodas ou unha ambulancia. Nós cumprimos a normativa".
Posturas enfrontadas para unha imaxe que nos últimos meses xa é máis que habitual en moitas rúas.