Publicador de contidos
Publicador de contidos

Terror en Oímbra: acusan un veciño de queimar un coche, de ameazas de morte e acoso

Terror en Oímbra: acusan un veciño de queimar un coche, de ameazas de morte e acoso

O suposto agresor ten atemorizados os veciños de Casas dos Montes

Un coche dun veciño arde despois de que o denunciado supostamente lle plantara lume
G24.gal 05/02/2024 16:07 Última actualización 05/02/2024 16:20

Veciños das Casas dos Montes, en Oímbra, denuncian a situación que padecen por mor doutro veciño da aldea. Din que ten a xente amedrentada con todo tipo de ameazas e que xa o denunciaron varias veces ante a  Garda Civil.

Toño amosa o estado no que quedaron os seus castiñeiros. Dí que é tan só unha das moitas cousas que lle aconteceron nos últimos días tras o seu desencontro cun veciño. 

"Xa ten bastantes problemas por ameazas e coaccións, xa lle botou a man a algún veciño e teñen medo a denunciar por represalias", comenta Toño.

O primeiro foi cando paseaba coa súa cadela e, ao atopalo, lle advertiu que puxera lazos de caza no monte e que tivera coidado coa súa cadela. Denunciou os feitos ante a Garda Civil, pero o susto chegou pola noite.

"Foron ese mesmo domingo ás tres da mañá e cando saín ao patio vin arder o meu coche incluso co perigo da casa que había ao carón que estaba empezando a arder tamén", relata.

Na aldea non son moitos dispostos a falar, pero si relatan situacións similares vividas con este veciño.

"A cada persoa que lle di unha cousa que non quere oír, ameázao con que lle queima a casa, que teña coidado de que non vaia levar un golpe... non se enfrenta de cara e logo pola noite dedícase a facer o que todos sabemos", conta unha veciña ao teléfono

Outros contan como dende xa hai tempo tiveron mesmo que recorrer á Xustiza ou mesmo a poñer cámaras nas súas vivendas.

"Tamén o denunciei no seu momento por ameazas de morte e por acoso e tiven que comprar cámaras para vixiar a casa porque me ameazou con plantarlle lume. Xa llo fixo a un veciño e non podemos seguir así", relata unha moza.

Din que agardan que a investigación poña fin a esta situación na que viven dende hai anos.

"Ímolo deixar e que sexa a xustiza a que actúe e teño confianza nela", conclúe Antonio.

Toño interpuxo xa dúas denuncias ante a Garda Civil co obxectivo, di, de que todo se aclare e poidan recuperar a tranquilidade na súa aldea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade