Thomas Scrubb quedou sen anotar por primeira vez na ACB
Thomas Scrubb quedou sen anotar por primeira vez na ACB
Nos 88 partidos que disputou ata a data na competición española, Scrubb unicamente quedou en oito ocasións por baixo dos cinco puntos
Por primeira vez desde a súa fichaxe polo Monbus Obradoiro no verán de 2021, o internacional canadense Thomas Scrubb acabou un partido da Liga Endesa sen anotar ningún punto.
Scrubb, o segundo xogador con máis minutos en pista da competición cunha media de 31 por encontro, acabou sen conseguir encestar o partido que o seu equipo perdeu onte contra o Dreamland Gran Canaria (72-81) no Multiusos Fontes do Sar.
O canadense, que cumpre a súa terceira tempada no equipo dirixido por Moncho Fernández, xa superou a barreira dos mil puntos na Liga Endesa (1.036), e é o cuarto máximo anotador da historia do club santiagués por detrás de Pustovyi (1.058), Kassius Robertson (1.431) e Alberto Corbacho (1.785).
Nos 88 partidos que disputou ata a data na competición española, Scrubb unicamente quedou en oito ocasiones por baixo dos cinco puntos. Catro deles foron na súa primeira tempada en Santiago (catro puntos ante o Baskonia na xornada 5, dous contra o Barça na 21, un contra o Unicaja na 25 e catro contra o Joventut na penúltima xornada do curso).
No campionato 2022-23, que pechou cunha media de 11,6 puntos por encontro, quedou en catro puntos na xornada 17 contra o Baskonia e en tres na 19 contra o Bilbao Basket. E no presente campionato unicamente no duelo contra o Joventut en Badalona asinou catro puntos ata o partido de onte contra o Gran Canaria.