As fendas obrigan a pechar temporalmente a biblioteca da Facultade de Historia de Santiago
As fendas obrigan a pechar temporalmente a biblioteca da Facultade de Historia de Santiago
O teito da sala de lectura podería colapsar polo traslado dos libros de piso superior
O decano pide unha reforma integral do edificio: "Por dentro está podre"
Emerxencia na biblioteca de Historia. O chan do depósito está fracturado polo peso duns 150.000 exemplares e os operarios traballan contra o reloxo para trasladalos á cafetería. Cómpre salvar os volumes, pero tamén a sala de lectura que hai xusto debaixo. Unha xoia patrimonial do século XVIII pechada por risco de colapso.
"Pechamos a sala de lectura por seguridade durante o traslado dos libros do depósito. Pensamos que o movemento dos fondos pode afectar o forxado, que está superado. Así e todo, mantemos como podemos o servizo de préstamo, temos habilitado un mostrador provisional", explica Isabel Sampere, a directora da biblioteca de Xeografía e Historia.
Escenario de estudo, consulta, reunión... mesmo estudio de cine. Esta sala é todo un templo para a universidade, pero tamén un servizo fundamental para o estudantado.
"Eu úsoa moito porque non teño wifi na casa e porque os estudantes de humanidades precisamos consultar moito libro en papel, non todo está dixitalizado".
"Eu úsoa moito para facer traballos e para estudar".
"Temos unha biblioteca preciosa e moi útil, mágoa non poder usala", din os usuarios.
Nunha campaña en redes, o decanato reinvindica este espazo de coñecemento e pide financiamento ao Consorcio para unha reforma integral do edificio, "máis aló de parches".
"Precisamos cartos das tres administracións do Consorcio, só o orzamento de arranxar a biblioteca é duns sete millóns de euros, pero precisamos tamén arranxar todo o edificio. A xente sempre di: que bonito! pero por dentro está podre, temos fendas e goteiras", lamenta o decano, Marco García Quintela.
Mentres as solucións non chegan, un silencio estremecedor apodérase da biblioteca. Ese que nunca logrou ter pola animada presenza dos universitarios que, xeración tras xeración, a gardaron na memoria e tamén no corazón.