Tirotean un autobús en Ecuador con 34 galegos a bordo
Tirotean un autobús en Ecuador con 34 galegos a bordo
Agardan viaxar este sábado de volta a España
Trinta e catro galegos e un vasco que están traballando na reparación dun atuneiro en Guayaquil, en Ecuador, atópanse nun hotel á espera de ser repatriados, despois de que o autobús no que viaxaban fose tiroteado.
Por sorte, ningún deles resultou ferido.
O suceso ocorreu na madrugada do pasado mércores, cando regresaban das instalacións nas que traballaban na reparación dun buque da empresa armadora Albacora.
“Estamos todos ben, tivemos moita sorte. Aínda temos o susto no corpo, pero agora o único que queremos é volver a España”, dixo un dos traballadores galegos.
O autobús no que viaxaban recibiu case 20 disparos dos seis asaltantes que lles tenderon unha emboscada. EFE
Os traballadores sinalaron que xa teñen os billetes de volta a España e que, se nada o impide, viaxarán este sábado.
O autobús en que volvían de traballar foi tiroteado por seis persoas que ían en moto. A carrozaría recibiu ata 17 impactos de bala. Afortunadamente todos están ben, pero trasladáronos porque teñen medo pola súa vida e queren saír do país.
Pídenlle á armadora Albacora, propietaria do atuneiro, que os repatrie de maneira inmediata. As empresas do metal para as que traballan están xestionando o seu regreso a España.