Todos os dependentes coidados na casa recibirán un bono de 5.000 euros ao ano
Todos os dependentes coidados na casa recibirán un bono de 5.000 euros ao ano
O presidente da Xunta destacou o carácter universal desta axuda porque será para todos, sexa cal sexa a súa renda ou grao de dependencia, dixo Alfonso Rueda
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que os 20.000 dependentes que reciben coidados nos seus domicilios comezarán a recibir en xaneiro un bono de 5.000 euros ao ano.
Anunciouno este martes en Rois, onde visitou dous potenciais beneficiarios da medida, Isaura e Guillermo, xunto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García.
Segundo explican nun comunicado, os beneficiarios recibirán a nova contía actualizada xa durante os primeiros días do mes. Farano, ademais, de forma automática, sen ningún trámite adicional. O bono diríxese a todos os dependentes que están a ser atendidos no seu fogar, sen importar o grao de dependencia ou o nivel económico.
Así mesmo, as persoas con dependencia que vivan nunha residencia recibirán, tamén de forma automática e en xaneiro, un complemento universal de 1.200 euros ao ano que chegará, neste caso, a 10.500 beneficiarios.
Rueda subliñou que a partir de xaneiro, máis de 30.000 persoas dependentes serán beneficiarios destes 150 millóns de euros que "son de absoluta xustiza".
"Se queremos que Galicia sexa o mellor lugar para vivir tamén ten que ser o mellor lugar para envellecer", defendeu.