Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tomé: "A Deputación de Lugo ten nove residencias, máis do dobre ca a Xunta, e proxecta nove máis"

Tomé: "A Deputación de Lugo ten nove residencias, máis do dobre ca a Xunta, e proxecta nove máis"

O presidente da Deputación de Lugo José Tome aposta por Besteiro: "É un excelente candidato e vai ser un gran presidente da Xunta de Galicia"

Sobre a A-54 "A colaboración entre institucións e os seus informes non son todo o áxiles que deberían"

G24.gal 06/09/2023 10:17

Este mércores miramos no programa Bos días o que nos deixaron as anteriores eleccións, as municipais 28 de maio. Delas saíu tamén a composición das novas Deputacións en Galicia para os vindeiros catro anos. 

Comeza así unha rolda de entrevistas cos presidentes das Deputacións Provinciais, co lugués José Tomé, que reedita mandato e pacto co BNG. Asegurou que ía seguir traballando na mesma liña porque: "Cando algo funciona ben hai que seguir adiante e como o pacto funcionou e foi útil á provincia de Lugo, aos concellos e á cidadanía, por iso creo que debe continuar", afirmou.

Políticas sociais, o principal piar da atención á cidadanía

Destacou as liñas principais de actuación, que son catro. A primeira e prioritaria, o apartado social; despois, o tecido produtivo, a mobilidade, e finalmente a colaboración coa universidade.

Tomé dixo que en Lugo son moi importantes as políticas sociais, que consumen un terzo do orzamento e teñen o seu máximo expoñente no modelo de residencias.

"Son nove, máis do dobre das que ten a Xunta na provincia de Lugo. Estramos trallando para construír outras nove, para completar o que será un servizo aos cidadáns moi importante", suliñou o presidente.

En canto ao tecido produtivo, asegurou que están a colaborar con asociacións do sector primario, o de servizos ou o industrial.

"No referente á mobilidade, somos a provincia de España que máis quilómetros ten de estradas provinciais: 4.217 quilómetros. Custa moito manter esa rede de estradas, un problema común a todas a provincias, pero na de Lugo vese multiplicado", afirmou Tomé.

Tomé afirmou que a de Lugo é a única deputación de España que colabora coa universidade con achegas económicas e axudando coa granxa Gaioso Castro para prácticas de veterinaria, de enxeñería, entre outras, e que van seguir apostando por esta vía.

Situación das infraestruturas

José Tomé dixo que Galicia non é das primeiras comunidades autónomas en infraestruturas. En relación á autovía de Santiago a Lugo, afirmou: "Tivo moitos atrancos en varios sitios. no Pambre, na zona de Melide a Arzúa, e ás veces a colaboración entre institucións e os seus informes non son todo o áxiles que deberían, independente de quen goberne".

Na Deputación defenden que se cumprirán os tempos comprometidos: "Eu creo que se vai manter o compromiso de rematala a finais do 2024. Agora mesmo hai unha inxección de cartos de 50 millóns de euros. E na estrada que vai de Guntín a Chantada, que agora mesmo está mal, non se deteriorou en dous días, o que pasa é que non houbo un mantemento e agora esperamos que quede como nova cun investimento de doce millóns e medio de euros, en canto se licite, se adxudique e comecen os traballos, para os que aínda non hai data".

Bombeiros en folga

Os bombeiros de Lugo están en folga pedindo melloras no seu convenio, nese consorcio participado pola Xunta e pola Deputación. 

"Aquí no se está dicindo a verdade. Cando a Xunta e as deputacións acordamos pasar dunha prestación de servizo con empresas privadas  a un consorcio de xestión pública os bombeiros asinaron un acordo de que en seis anos non ía haber negociación de ningún convenio. E van catro".

O presidente da Deputación asegurou que coa vontade de ir mellorando as súas condicións aceptaron un diálogo anticipado e chegaron a un acordo con eles. Un acordo de fixeza nunha xuntanza en que a Xunta votou en contra, e melloraron as condicións laborais, pero en asembleas os traballadores rexeitaron o acordo.

"Non imos aceptar imposicións, e o que hai que facer é mellorar a coordinación entre as administracións para mellorar os servizos que se presta a cidadanía".

O proceso de primarias no PSdeG

José Tomé tamén é secretario xeral provincial de Lugo do PSdeG. As primarias estaban previstas para setembro e foron adiadas polo atraso no proceso de investidura do Goberno do Estado, unha decisión que para el está ben tomada.

"É acertado porque nos procesos políticos canto menos se mesturen as cousas mellor, e os dous procesos poderían interferir un no outro. Dentro dun mes saberemos se vai haber investidura ou non. Despois hai tempo suficiente para facer primarias, sobre todo porque o presidente da Xunta Alfonso Rueda dixo que non ía adiantar as eleccións".

Tamén reafirmou o seu apoio a Besteiro

"Besteiro é o mellor candidato, é unha cuestión tamén de xustiza polo dano que se lle fixo hai sete anos, é un excelente candidato e vai ser un gran presidente da Xunta de Galicia". 

José Tomé dixo que mantén unha boa relación persoal co presidente da Xunta e que en breve lle pedirá unha xuntanza para tratar a mellora da ronda leste, a variante da costa, o acceso ao porto seco de Monforte, entre outras cuestións, xa que teñen "moitas cousas de provincia que temos que falar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade