Publicador de contidos
Publicador de contidos

Torcuato Teixeira: "A eólica mariña é incompatible coa actividade pesqueira"

Torcuato Teixeira: "A eólica mariña é incompatible coa actividade pesqueira"

O portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños responde á ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera e pídelle que retire o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo para a instalación da eólica mariña

Nunha entrevista na Radio Galega, Teixeira afirma que a eólica mariña pode coexistir coa pesca, pero non son compatibles: "Onde hai un polígono de eólica mariña non se pode pescar"

G24.gal 11/05/2023 09:44

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños critica a ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera por defender este mércores no Congreso a ordenación en vigor dos espazos mariños para a instalación de aeroxeradores eólicos fronte á costa galega sen ter en conta a información científica.

"Están intentando facer unha implantación desta industria en zonas moi ricas en biodiversidade, en zonas onde traballa un importante sector como o pesqueiro e isto non é perder ningún tren, isto é unha barbaridade", di Torcuato Teixeira, voceiro da plataforma.

"Nunha comparecencia política como a que fixo onte no Congreso, Teresa Ribera non vai recoñecer o erro que supón ordenar os espazos mariños sen ter en conta a información científica", cre Teixeira.

Nunha entrevista na Radio Galega, o portavoz da Plataforma asegura que a única opción para abrir unha vía de diálogo co ministerio é que se retire a planificación actual de reservas de espazo para a enerxía eólica mariña e se conte coa opinión dos científicos e do sector pesqueiro.

"Os peixes peláxicos grandes e pequenos son moi sensibles ás ondas electromagnéticas e ás vibracións, e falar en Galicia de poñer en perigo a campaña do bonito, da anchoa ou da sardiña non deixa de ser, para ser suaves, sorprendente", afirma.

Torcuato Teixeira insiste en que neste momento prevalecen os intereses das empresas promotoras de proxectos de eólica mariña fronte aos do sector pesqueiro e á preservación da biodiversidade.

"Isto non é unha ordenación, non é mirar polo interese xeral e polo ben común, senón polos intereses de promotores ávidos de industrializar os nosos mares á custa do que sexa", sentenza Teixeira.

Na Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños cren que "o Ministerio de Transición Ecolóxica está actuando de forma unilateral e poñendo incluso en perigo un dos retos que ten ese departamento, que é evitar o despoboamento. Se se expulsan os pescadores das zonas de traballo actuais, en moitas vilas mariñeiras vai haber un problema demográfico".

"A pesca e a eólica mariña poden coexistir, pero non son compatibles. Por moito que se empeñe a ministra en pintalo, onde hai un polígono da eólica mariña non se pode realizar a actividade pesqueira", di Torcuato Teixeira.

O portavoz da plataforma avanza que o Observatorio de Litoral Mariño está elaborando unha pericial xudicial para acompañar o recurso presentado pola Plataforma e admitido a trámite no Tribunal Supremo. Teixeira pide tamén que os centros estatais de investigación se impliquen para analizar o impacto dos polígonos eólicos no medio mariño

"Resulta sorprendente que se tantas présas temos, teñamos o Instituto Español Oceanográfico e os seus científicos mirando cara a outro lugar e sen estar proactivos estudando que impacto pode ter este tipo de estruturas", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade