Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector da limpeza de Lugo logra un preacordo coa patronal para poñer fin á folga

O sector da limpeza de Lugo logra un preacordo coa patronal para poñer fin á folga

O pacto deberá ser agora ratificado en asemblea polas traballadoras

O sector levaba en folga desde o 16 de outubro

G24.gal 22/02/2024 09:52

Sindicatos e a patronal da limpeza na provincia de Lugo alcanzaron un preacordo para a sinatura dun novo convenio que, de ser ratificado polas traballadoras en asemblea, poñería fin á folga que manteñen desde o 16 de outubro.

O acordo inclúe un incremento salarial do 18,3 % durante a vixencia do convenio, con subas porcentuais de entre o 3,1 e o 4,2% durante en cada exercicio ata 2026, segundo informou a CIG nun comunicado.

O texto, que será sometido a votación das traballadoras e traballadores nas asembleas convocadas ás 11:00 e 17:00 horas na Casa Sindical de Lugo, tamén inclúe subas no plus de traballo por domingos e festivos cos correspondentes atrasos.

A CIG tamén destaca a incorporación ao novo convenio provincial dunha cláusula para blindar o pagamento de, como mínimo, o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento e outra que obriga a activar unha comisión negociadora no primeiro trimestre de 2027 para negociar un novo acordo colectivo que, de incumprirse, supoñerá de forma automática un aumento da táboa salarial do 2 %.

A central nacionalista incide en que isto último busca "impedir as manobras patronais para non actualizar o convenio que veñen repetindo en cada negociación, ben negándose a constituír a mesa ou ben alongando indebidamente as negociacións".

Así mesmo, o novo convenio tamén inclúe que a contía dos trienios "seguirá sendo unha porcentaxe do salario base" co que as traballadoras verán incrementadas as súas retribucións que perciban por este concepto.

Para a CIG, isto constitúe "un dos éxitos da exemplar loita das traballadoras" tras meses de folga ao lograr "frear os recortes na antigüidade que pretendía impoñer a patronal, modificando o sistema de cálculo para pasalo a unha contía fixa".

Ademais, o preacordo actualiza as condicións das vacacións, permisos ou pólizas de accidentes, así como o compromiso de que os participantes na folga perciban os atrasos de forma íntegra e non vexan afectadas as súas vacacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar