Traballadores de Alu Ibérica piden que se concreten detalles das empresas interesadas na súa compra
Traballadores de Alu Ibérica piden que se concreten detalles das empresas interesadas na súa compra
O comité ten a vista posta na xuntanza que o próximo día dez van manter cos administradores concursais da factoría
Segundo o Ministerio de Industria, polo menos dúas empresas estranxeiras estarían interesadas en adquirir as plantas de Alu Ibérica -antiga Alcoa- na Coruña e Avilés. Non facilitaron máis detalles. De momento, o comité de empresa reacciona con cautela.
Juan Ramón Paseiro, membro do comité de empresa de Alu Ibérica, comenta que "en caso de que sexa certo, é positivo daquela maneira, porque dúas parécennos pouco, incluso. Pero o que si queremos saber os traballadores é se hai algo de verdade en todo isto".
Os traballadores de Alu Ibérica na Coruña reclámanlle ao Ministerio certezas sobre posibles empresas interesadas na compra das fábricas galega e asturiana. "É o que queremos, que haxa non dúas, senón 20 ou 30 empresas interesadas, que se venda a un grupo industrial que veña facer aluminio primario á Coruña canto antes", asegura Juan Ramón Paseiro.
O comité de empresa de Alu Ibérica amósase un tanto escéptico ante este anuncio de que dúas empresas poidan estar interesadas nesta factoría. Por unha banda din que de ser certo, o Ministerio de Industria tería que contactar con eles o antes posible para contarlles máis detalles destas ofertas, e que non falan dende o pasado mes de agosto.
O próximo luns reuniranse cos administradores concursais para coñecer a situación real da planta da Coruña.