Traballadores de Ence Pontevedra retoman as protestas a finais de mes
Traballadores de Ence Pontevedra retoman as protestas a finais de mes
A Audiencia Nacional anulou a prórroga concedida a ENCE para ocupar terreos costeiros e o Supremo responderá en outubro aos recursos
Traballadores da fábrica de Pontevedra do grupo Ence anunciaron este xoves a súa intención de mobilizarse catro días antes de que o Tribunal Supremo se reúna o 4 de outubro para estudar os recursos presentados a tres sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga concedida para ocupar terreos costeiros.
O 30 de setembro convocaron unha manifestación por Pontevedra que esperan que sexa "masiva", destacaron os presidentes dos comités de empresa da fábrica e das oficinas, Manuel Rivas Teso e Ana Cedeira, respectivamente.
"Queremos poñer latente ante a opinión pública e a clase política o noso desexo de seguir traballando en Lourizán antes da sentenza de Supremo que vai decidir o noso futuro", dixo Rivas Teso.
O presidente do comité da fábrica pontevedresa asegurou que os traballadores, agora inmersos nun proceso de regulación temporal de emprego ERTE tras parar a produción pola seca, levan "tres anos vivindo unha situación de abafo, incerteza e impotencia".
Cedeira denunciou o "bochornoso linchamento" dalgúns políticos aos traballadores de Ence e que, "lonxe de buscar solucións racionais", se dedicaron "a enturbalo todo con propostas irreais".
Nese sentido considerou que "os políticos con esa irresponsabilidade, esa incompetencia, esa insensatez, ese egoísmo polo seu interese político, sempre nos utilizaron".
Na súa opinión, "está en xogo o futuro de moitas familias e dos seus fillos" de empregados e reclamou "sensatez e cordura" dos maxistrados do Supremo, avalando a continuidade da fábrica na súa actual localización, nas beiras da ría de Pontevedra.