Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traballo dálles unha semana aos empresarios para facer propostas sobre a redución de xornada

Traballo dálles unha semana aos empresarios para facer propostas sobre a redución de xornada

O obxectivo do ministerio é rebaixar a xornada máxima desde as 40 horas semanais vixentes ás 38,5 horas este ano e as 37,5 horas en 2025

"Se imos ao luns que vén sen proposta da patronal teremos que tomar unha decisión", sinalou o secretario de Estado

G24.gal 24/06/2024 16:18

O Ministerio de Traballo afeou este luns ás patronais CEOE e Cepyme que non presentasen propostas por escrito ás formulacións do Goberno sobre a redución de xornada e emprazounos a levalas á reunión do próximo luns.

"O único que o Goberno non contempla é unha estratexia dilatoria", advertiu o secretario de Estado de Emprego, Joaquín Pérez Rey, ao termo da reunión da mesa de diálogo social para abordar a redución de xornada máxima desde as 40 horas semanais vixentes ás 38,5 horas este ano e as 37,5 horas en 2025.

"Se imos ao luns que vén sen proposta da patronal teremos que tomar unha decisión", sinalou Pérez Rey que incidiu en que o cambio se fará por lei.

O secretario de Estado lembrou que a negociación desta medida, incluída no acordo de Goberno de PSOE e Sumar, comezou no principio do ano e que patronal e sindicatos abriron unha negociación bipartita en paralelo que non deu froitos.

"Case 6 meses despois de que a mesa levase a cabo os seus traballos non hai propostas por escrito", reprochou Pérez Rey.

Incidiu en que o Goberno non vai entrar en ampliar o máximo de horas extraordinarias, o principal obstáculo que impediu a patronal e sindicatos avanzar nun pacto.

Tamén lembrou que a redución irá da man de cambios no rexistro horario, que será dixital, para que haxa un control efectivo do cumprimento da medida.

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, xa avanzou a semana pasada a súa intención de remitir canto antes un texto ás Cortes.

 Os sindicatos valoran a proposta de Traballo

A secretaria de Acción Sindical de CCOO, Mari Cruz Vicente, asegurou que a redución de xornada "é unha reivindicación das organizacións sindicais e un avance substancial de dereitos", así como "unha cuestión de xustiza social" porque hai colectivos que non están amparados pola negociación colectiva.

"É importante, porque a riqueza que se xera distribúese a través dos incrementos salariais e da redución de xornada", dixo Vicente, que apostou por buscar un acordo tamén coa patronal, unha vez expoñan o seu punto de vista.

"É moi difícil facer unha valoración se non coñecemos en concreto o que piden", dixo a negociador de CCOO, á vez que engadiu que "traballan por un acordo", pero que se non o logran, apoiarán ao Goberno e traballarán polo posterior apoio á norma nas Cortes.

"A proposta do Goberno axústase aos obxectivos de UXT", asegurou o vicesecretario de Política Sindical, Fernando Luján, quen pediu á patronal "que se pronuncie e diga se está disposta a negociar que a redución se realice en cómputo anual, porque tras seis meses "aínda non despexaron esa incógnita".

Traballo trasladou a pasada semana aos axentes sociais unha proposta para abordar a redución de xornada que contempla, entre outras medidas, que os traballadores con xornada parcial ou reducida poderán seguir realizando o mesmo número de horas tras a entrada en vigor da redución de xornada laboral, percibindo a cambio un incremento salarial proporcional.

A proposta tamén modifica a lei de infraccións e sancións para establecer unha multa no seu grao mínimo de entre 1.000 e 2.000 euros; no seu grao medio, de entre 2.001 e 5.000 euros; e, no seu grao máximo, de entre 5.001 e 10.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade