Publicador de contidos
Publicador de contidos

Multas de ata 10.000 euros por incumprir a nova xornada laboral máxima

Multas de ata 10.000 euros por incumprir a nova xornada laboral máxima

O borrador do anteproxecto de lei que regula a semana laboral aumenta as sancións que pasarían a ser individuais

Contempla unha mellora proporcional do soldo se os empregados a tempo parcial manteñen as mesmas horas de traballo

G24.gal 22/06/2024 19:04 Última actualización 06/07/2024 15:25

O Ministerio de Traballo e Economía Social quere multar con ata 10.000 euros ás empresas que incumpran a redución da xornada semanal máxima a 38,5 horas en 2024 e a 37,5 horas en 2025, segundo recolle o borrador do anteproxecto de lei para regular esta cuestión.

Isto supón un endurecemento das sancións actuais en dous aspectos. Por unha banda, as penalizacións serán individuais, por cada traballador, e non globais como ocorre na actualidade. Por outra, o importe máximo pasa dos 7.500 aos 10.000 euros.

A transgresión dos límites legais ou pactados en materia de xornada penaranse, no grao mínimo, con multas de 1.000 a 2.000 euros; no grao medio, de 2.001 a 5.000 euros e, no grao máximo, de 5.001 a 10.000 euros.

Novo rexistro horario

O texto enviado este venres a sindicatos e empresarios, que será debatido nunha reunión con Traballo o vindeiro luns, fixa como obxectivo principal a redución da xornada semanal (en media anual) de 40 a 38,5 horas durante 2024 e a 37,5 horas o 1 de xaneiro de 2025.

Porén, tamén introduce cambios no rexistro da xornada que se implantou nas empresas para garantir a súa eficacia. Será dixital e accesible, de xeito automático, para cada traballador, os representantes sindicais e a Inspección de Traballo e Seguridade Social.

Nestes dous últimos casos deberá, ademais, ser accesible de forma remota. A empresa terá que conservar os rexistros durante catro anos e estarán ao dispor de traballadores, sindicatos e Inspección.

O borrador de Traballo remite a un regulamento, que prevé aprobar no prazo de seis meses, para o desenvolvemento dos contidos legais do rexistro, e establece que se fixará mediante negociación colectiva ou acordo de empresa.

A totalidade do período transcorrido entre o inicio e a finalización da xornada reflectidos no rexistro será considerado tempo de traballo efectivo. O que exceda da xornada ordinaria terá a consideración, segundo proceda, de horas extraordinarias ou complementarias.

No documento de Traballo non se contempla intercambiar xornada ordinaria por xornada extraordinaria, é dicir, un aumento das horas extraordinarias para compensar a rebaixa da xornada ordinaria.

Este punto xa o avanzaba o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, que descartou "tallantemente" este intercambio, aínda que cre que é posible que alguén (previsiblemente o empresariado) o poña sobre a mesa.

Contratos a tempo parcial

Segundo o borrador, os contratos a tempo parcial cunha prestación de traballo de duración igual ou superior a 38,5 horas semanais en 2024 ou 37,5 horas en 2025 converteranse automaticamente en contratos de traballo a tempo completo.

Ademais, os traballadores a tempo parcial e con xornada reducida terán dereito a seguir realizando o mesmo número de horas de traballo que tiñan antes da entrada en vigor da norma. Así mesmo, terán dereito ao incremento proporcional do seu salario, segundo proceda.

Establécese ademais que seguirán sendo de aplicación transitoria os limiares legais esixibles ás reducións de xornada no momento do seu inicio e ata que decaian tales reducións, co límite absoluto do 31 de decembro de 2025.

Mesa de diálogo social

Previa consulta a sindicatos e empresarios, o Goberno sinala no texto que procederá no prazo de 18 meses a revisar a normativa sobre xornadas especiais de traballo para adecuar as ampliacións e limitacións na ordenación e na duración da xornada de traballo á nova xornada máxima legal.

Establécese tamén no documento a creación, por parte do Executivo, dunha mesa de diálogo social para avaliar os resultados da redución de xornada.

"E seguir avanzando na redución da duración máxima da xornada legal ordinaria de traballo, tendo en conta as características dos distintos sectores de actividade, a evolución da produtividade e as circunstancias económicas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade