Trasladan o xuízo pola morte do coruñés Diego Bello a Manila, como pedía a familia
Trasladan o xuízo pola morte do coruñés Diego Bello a Manila, como pedía a familia
Os achegados da vítima cren que este traslado pode facer que a resolución do caso sexa máis rápida
A Corte Suprema de Manila decidiu trasladar á capital das Filipinas o xuízo aos tres policías acusados de matar o español Diego Bello neste país.
Aceptan así a petición que fixeron os avogados da familia en setembro de 2022.
O coruñés, de 32 anos, morreu de varios disparos o 8 de xaneiro de 2020 na illa de Siargao nunha operación orquestrada polos policías, que foron acusados do asasinato do empresario por un tribunal.
Os acusados, o capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Niño Boy Esmeralda, non se presentaron no seu momento ante o tribunal e estiveron desaparecidos ata este ano.
Segundo o documento emitido pola Corte Suprema de Filipinas, ordénase ao Xulgado Rexional de Dapa-Surigao do Norte, lugar onde tivo lugar o crime, o traslado de todo o expediente relacionado cos dous casos que van ser xulgados, un por asasinato e outro por falsificación de probas.
A Corte Suprema dá tres días ao Xulgado Rexional de Dapa para remitir a documentación a Manila e ordena que á súa recepción se adxudique inmediatamente a un dos xulgados da capital o caso.
No seu escrito, a Corte Suprema rexeita os argumentos que presentaron en novembro do ano pasado os avogados dos policías acusados, que se opoñían ao traslado do expediente.
A resolución foi ben recibida pola familia de Diego Bello, que entende que o traslado a Manila da causa pode supoñer "unha maior celeridade" no proceso xudicial.