Tres detidos e oito investigados, un deles en Pontevedra, por estafar 1 millón de euros a un cento de vítimas
Tres detidos e oito investigados, un deles en Pontevedra, por estafar 1 millón de euros a un cento de vítimas
Tres detidos e oito investigados, un deles en Pontevedra, por estafar 1 millón de euros a un cento de vítimas
A organización, asentada na provincia de Cáceres, empregaba parte dos cartos subtraídos para a compra de armas
A Garda Civil comisou máis de 80 armas e munición
A Garda Civil desarticulou unha organización asentada na provincia de Cáceres, acusada de estafar máis dun millón de euros a máis dun centenar de vítimas, e de empregar parte dese diñeiro na compra de armas. Na operación, denominada Hervasio, os axentes incautáronse de máis de 80 armas e numerosa munición.
Segundo o instituto armado, hai tres persoas detidas na provincia de Cáceres e oito investigadas en distintos puntos de España, unha delas na provincia de Pontevedra.
O principal responsable da organización está acusado de ameazas, coaccións, apropiación indebida, lesións e administración desleal.
A Garda Civil localizou un arsenal de armas nos rexistros
A investigación iniciouse en 2023, despois de que varios antigos membros da organización denunciaran o líder da banda. Segundo relataron, convenceunos para vender os seus bens e entregar as ganancias á organización para a adquisición de armas. Os investigadores cifraron en 42.000 euros o diñeiro investido en armamento.
A estafa superaría o millón de euros. Os cartos eran ingresados en contas bancarias da organización e o diñeiro era desviado inmediatamente a outras contas privadas de familiares dos investigados.
Nos seis rexistros levados a cabo, a Garda Civil atopou máis de 80 armas valoradas en 73.000 euros. Os axentes localizaron armas ilegais, armas de guerra inutilizadas e armas de aire comprimido e acharon tamén silenciadores de armas longas e 7.600 cartuchos metálicos de diferentes calibres.
No interior dos domicilios tamén se localizaron máis de 64.000 euros en metálico e material informático (teléfonos móbiles, tabletas e computadores) valorado nuns 20.000 euros.
Ata o de agora hai máis dun cento de vítimas identificadas, aínda que a Garda Civil non desbota que o número aumente. Sospeitan que algúns dos afectados, temorosos, non se atreveron a denunciar.
A operación está dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e instrución 2 de Plasencia (Cáceres), con apoio de investigadores en Xaén, Cáceres, Toledo, Córdoba e Pontevedra.