Tres dotacións de bombeiros apagan as lapas nunha vivenda en Eirís, na Coruña
Tres dotacións de bombeiros apagan as lapas nunha vivenda en Eirís, na Coruña
Ao parecer, o lume comezou na cociña, e todas as persoas puideron saír do edificio sen que houbese feridos
O lume producíase a primeira hora da mañá no quinto andar da rúa Frei Pedro Payo Piñeiro, a altura do número cinco. Ao parecer o que se queimou foi a cociña.
As persoas que estaban no interior da vivenda saíron á rúa ao ver a magnitude das lapas, polo que non houbo que lamentar feridos, aínda que si cuantiosos danos materiais.
O resto de veciños do edificio esperan na rúa a que finalizase a intervención dos bombeiros.
A central de emerxencias do 112 recibiu a chamada de varios veciños da zona que alertaban dunha importante fumareda e que mesmo vían saír chamas por unha das xanelas do último piso do edificio.
Por se fose necesaria a súa intervención, púxose en prealerta os efectivos de urxencias sanitarias e as policías nacional e local, que pecharon ao tráfico a rúa para facilitar o traballo dos servizos de emerxencia.
Dada a altura da vivenda en que se rexistrou o lume, os bombeiros desprazaron ata alí tres dotacións e un vehículo autoescada. O suceso creou un importante balbordo na zona.