Tres falecidos pola colisión dun helicóptero cunha liña de alta tensión en Puçol
Tres falecidos pola colisión dun helicóptero cunha liña de alta tensión en Puçol
Eran tres traballadores especializados en tarefas de revisión de liñas eléctricas
Tres persoas faleceron este domingo na colisión dun helicóptero cunhas liñas de alta tensión na zona de Monte Picayo, no municipio valenciano de Puçol, segundo informa a Garda Civil.
Os falecidos son ocupantes da aeronave, que caeu nunha zona rural, xunto a unha urbanización, segundo indicaron as mesmas fontes e o consorcio provincial de bombeiros de Valencia.
O Centro de Emerxencias da Generalitat informou de que o helicóptero estaba a realizar tarefas de inspección de liñas eléctricas no municipio de Puçol. O aparello, pertencente a unha empresa especializada, fora contratado por i-DE, a compañía distribuidora do grupo Iberdrola.
Iberdrola indica así mesmo que se están investigando as causas do accidente e lamenta o falecemento destes tres traballadores especializados en tarefas de revisión de liñas eléctricas.
O accidente produciuse sobre as 10:00 horas e ao lugar desprazáronse membros da Garda Civil, bombeiros dos parques de Sagunto e Pobla de Farnals, e rescatadores GERA cun helicóptero V-990 do consorcio de bombeiros, cun médico e un oficial de garda.
Os bombeiros tiveron que extraer do interior do helicóptero unha persoa, mentres outras dúas estaban fóra da aeronave, os tres falecidos, segundo informou o consorcio de bombeiros.
Segundo informaron testemuñas presenciais, a aeronave caeu xunto ao antigo Casino, na parte traseira que dá acceso a unha urbanización. Os veciños da zona recibiron un aviso por parte de Iberdrola de cortes na subministración de luz.