Tres homes detidos en Málaga por agresión sexual a unha menor

A adolescente foi atopada o pasado día 15 tras fuxir do centro de menores en que se atopaba

Os implicados están acusados por drogar, agredir sexualmente e tentar introducir na prostitución a menor

G24.gal 27/10/2023 10:41

Tres homes de entre 27 e 50 anos foron detidos pola Policía Nacional en Málaga tras, supostamente, drogar, agredir sexualmente e tentar introducir na prostitución unha adolescente que anteriormente fuxira dun centro de menores da capital malagueña.

A menor, en paradoiro descoñecido dende a súa fuga, foi localizada o pasado día 15 pola policía, e foi trasladada un centro hospitalario onde se someteu a unha exploración médica ante as sospeitas de que puidese ser vítima de agresión sexual. A adolescente relatou que os individuos lle proporcionaron alcol e drogas.

O hospital activou o protocolo correspondente, ademais de iniciar unha investigación por parte da policía para esclarecer os feitos, ante a posibilidade de que os acusados tentasen introducila na prostitución.

Foi o pasado 25 de outubro cando os axentes detiveron tres homes de entre 27 e 50 anos, que están a ser investigados pola súa presunta implicación en delitos de agresión sexual e contra a saúde pública.

Unha terceira persoa está tamén acusada de corrupción de menores. Todos eles foron postos a disposición xudicial este xoves, mentres que a adolescente foi reintegrada a un centro de protección de menores en Málaga.

Non era a primeira fuga voluntaria da rapaza, aínda que a nai desta asegura que escapa porque quere "estar preto da súa familia". Pide, polo tanto, á Junta de Estremadura, que ten a custodia da rapaza, que a derive a un centro situado nesa comunidade para poderse ver con maior frecuencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade