Tres meses despois da súa erupción, o volcán Cumbre Vieja apágase
Tres meses despois da súa erupción, o volcán Cumbre Vieja apágase
Os científicos din que hai que esperar oito días máis para dar por finalizada a súa actividade
O Goberno aprobou hoxe un novo paquete de axudas de 200 millóns de euros para reconstruír as zonas afectadas
Se o Cumbre Vieja segue así ata o día de Nadal, os científicos atrévense a confirmar o seu final definitivo. Polo momento non descartan que se reactive, aínda que todos os indicadores apuntan a que se está esgotando.
Ithaiza Domínguez, vulcanólogo, explica: "aínda hai magma debaixo, pero xa non ten forza para saír. A cuestión é ver que durante os próximos días non volve coller impulso e se reactiva. Por iso hai que esperar para falar do seu final".
O volcán xa non expulsa lava, pero segue habendo emisións de dióxido de xofre e doutros gases. Cada vez en menor cantidade, pero igual de perigosas.
"Hai que seguir coa vixilancia e con extremo coidado en zonas que aínda que non se vexan e non se cheiren os gases poden acumularse de forma máis que notable", asegura o vulcanólogo David Calvo.
Tamén diminúe a sismicidade. Pero os científicos advirten que os terremotos poden continuar durante anos, ata que se reaxuste totalmente o interior dun volcán que bateu todos os récords.
"En duración, volume de cinsa emitida, volume de magma emitido, superficie de territorio afectada... foi récord en todo", apunta Vicente Soler, vulcanólogo do CSIC.
Tamén en destrución. En 84 días de actividade o Cumbre Vieja sepultou 3.000 edificiacións na Palma, a maioría vivendas e negocios. E arrasou con 400 hectáreas de cultivos, sobre todo de plataneiras.