Un ano da erupción na Palma: As vidas na illa, marcadas polo volcán
Un ano da erupción na Palma: As vidas na illa, marcadas polo volcán
A paisaxe no parque natural de Cumbre Vieja e na illa mudou para sempre
365 días despois trabállase na recuperación da actividade e das infraestruturas e xa se mobilizaron 535 millóns de euros en axudas, pero aínda queda moito traballo por facer
A paisaxe da Illa da Palma mudou. A lava e a cinsa tinguiron de negro enormes extensións de terreo. Os veciños conviven con paredes de basalto que o volcán deixou ao seu paso.
Aínda que medrou o turismo de catástrofe, a beleza do volcán deixa tamén unha herdanza de dor, ruína económica e transformacións na paisaxe. Os cambios foron moitos e inimaxinables desde o 19 de setembro de 2021.
Ninguén imaxinaba o que podía acontecer. Hoxe facemos un exercicio de memoria e viaxamos un ano para atrás, ata o día previo a esa erupción que enmudeceu a illa.
Coñeciámolo fai hoxe un ano, o 18 de setembro de 2021. A lava, baixo terra, daba unha tregua previa ao que pasaría 24 horas despois,
O semáforo sísmico estaba nese momento en cor amarela. E xa se comezaba a falar de posibles evacuacións.
Medraban as incertezas e a despregadura mediática. Os expertos apuntaban o que podía pasar.
Comezabamos a diferenciar os tipos de volcáns e debuxabamos posibles escenarios do que podía acontecer. Botabamos unha ollada ao pasado e analizabamos o que acontecera co Teneguía en 1971.
Ollamos páxinas do pasado e tamén as da prensa do día que case vaticinaban o que estaba por chegar.
Naquel momento, no planeta 20 volcáns estaban en erupción. 24 horas despois xa serían 21.