Tres vacas mortas no incendio dunha nave gandeira en Maceda
Tres vacas mortas no incendio dunha nave gandeira en Maceda
Tamén ardeu a herba almacenada para todo o inverno
Os labores de extinción vanse prolongar pola carga térmica
Juan Brey, gandeiro das Chas, en Maceda, contempla impotente como arde a súa nave.
"En cuestión de dous ou tres minutos. Non nos deu tempo nin de sacar os animais".
Dentro había unha vaca e dous becerros. O resto, unha trintena, andan no monte.
"Arderon tres vacas, sobre 400 rolos de herba... e a nave está para volver facela, practicamente", lamenta o gandeiro.
Un tractor leva todo o día sacando a herba que tiña amoreada para alimentar o gando durante todo o inverno. En canto a solta no exterior, reavívanse as lapas. Dentro, os bombeiros traballan sen descanso desde as nove da mañá.
"Estaba bastante cru. De feito, hai perigo de colapso da nave, por iso o tractor non pode chegar ata o fondo", explica Alfonso Rodríguez Velo, sarxento dos Bombeiros de San Cibrao.
Din que é pronto para falar das posibles causas, pero para o propietario da nave, trátase dun lume intencionado.
"A herba soa non prende. E tampouco foi un curtocircuíto".
A alcaldesa de Maceda estivo coa familia e ofreceulle a colaboración do concello para saír adiante. Mentres, os equipos de extinción continúan traballando. Foi preciso desprazar unha cisterna da Axencia Galega de Emerxencias para subministrar a auga.