Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump anuncia aranceis do 25 % para os automóbiles fabricados fóra dos EUA

Trump anuncia aranceis do 25 % para os automóbiles fabricados fóra dos EUA

Prevé que a medida aporte ás arcas estadounidenses unha cantidade entre os 600.000 millóns e o billón de dólares nos próximos dous anos

Lembrou que o 2 de abril está prevista unha batería de aranceis recíprocos destinada a países que teñan activados impostos aduaneiros sobre bens e servizos estadounidenses

Von der Leyen lamenta a medida e asegura que o bloque comunitario avaliará a resposta, e o primeiro ministro canadense critica o "ataque directo" aos traballadores do país
 

O presidente estadounidense Donald Trump / Andrew Leyden / Europa Press O presidente estadounidense Donald Trump / Andrew Leyden / Europa Press
G24.gal 26/03/2025 22:32

O presidente dos Estados Unidos Donald Trump anunciou que se aplicará un arancel do 25 % para todos os automóbiles que sexan exportados ao seu país.

"De maneira efectiva cobraremos un arancel do 25 % aos automóbiles", afirmou Trump na Casa Blanca nun acto convocado para a firma dunha orde executiva para facer efectiva a medida arancelaria.

Trump explicou que prevé que a medida, que afectará tamén a camións lixeiros, pode chegar a reportar ás arcas estadounidenses unha cantidade entre os 600.000 millóns e o billón de dólares nos próximos dous anos.

"Entrará en efecto o 2 de abril, e empezaremos a recadar o 3 de abril," engadiu o presidente estadounidense.

Insistiu en que esta partida arancelaria atraerá fabricantes de vehículos estranxeiros a levantaren plantas en solo estadounidense para evitar os gravames e puxo como exemplo os plans do fabricante xaponés Honda, que este mes anunciou que fabricaría un novo modelo na súa planta de Indiana.

Trump lembrou tamén que o 2 de abril, data que bautizou como día da liberación, está previsto que anuncie unha batería de aranceis recíprocos destinada a países que teñan activados impostos aduaneiros sobre bens e servizos estadounidenses.

Desde que retornou á Casa Branca o 20 de xaneiro, Trump apostou por implantar de maneira agresiva aranceis ás importacións procedentes de diversos socios dos EUA e corrixir o que considera déficits comerciais inxustos para Washington, tanto para atraer investimento de capital corporativo foráneo como de medida de presión para reducir o fluxo migratorio ou de fentanilo.

Von der Leyen lamenta a medida

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, lamentou "profundamente" a decisión de Trump de impoñer aranceis ás exportacións europeas de automóbiles e indicou que o bloque "avaliará" a resposta a esa medida, así como a outras do magnate, en alusión aos aranceis recíprocos.

"A industria do automóbil é un motor de innovación, competitividade e emprego de alta calidade grazas a unhas cadeas de subministración profundamente integradas a ambos os dous lados do Atlántico", sinalou.

Así mesmo, indicou que a UE "seguirá buscando solucións negociadas" que permitan "salvagardar ao mesmo tempo os seus intereses económicos". "Protexeremos conxuntamente aos nosos traballadores, empresas e consumidores en toda a Unión Europea", resolveu.

O plan inicial do Executivo comunitario era activar un primeiro paquete de aranceis por valor de 8.000 millóns de euros desde o 1 de abril, baseado nunha listaxe de produtos deseñado en anteriores crises, e unha segunda, cun impacto potencial de 18.000 millóns, o 13 de abril.

Bruxelas di agora que prefire esperar a metade de mes para poñer en marcha os dous plans en bloque por razóns "técnicas", xa que iso permite "calibrar" os aranceis e axustar as listas aos intereses europeos, aínda que admiten que ademais ofrece unhas semanas de marxe para a negociación.

Reacción de Canadá

O primeiro ministro canadense, Mark Carney, cualificou a medida da Casa Branca como un "ataque directo" aos traballadores do país e indicou que se trata dunha acción "inxustificada" por parte de Washington e anunciou que convocará ao gabinete de relacións Canadá-Estados Unidos para unha reunión este xoves.

"Defenderemos aos nosos traballadores, defenderemos ás nosas empresas, defenderemos ao noso país e defenderémolo xuntos", indicou, agregando que a medida afectará a Ottawa, aínda que sairán máis fortes "ao estar unidos".

Horas antes anunciara un fondo de 2.000 millóns de dólares (uns 1.860 millóns de euros) para protexer os empregos do sector do automóbil no país.

 

 

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade