Publicador de contidos
Publicador de contidos

Donald Trump debe pagar 83 millóns de dólares por difamar a xornalista Carroll

Donald Trump debe pagar 83 millóns de dólares por difamar a xornalista Carroll

Son cifras moito máis altas das baralladas durante o xuízo

É a segunda vez que gaña unha causa contra o exmandatario

G24.gal 27/01/2024 08:45 Última actualización 27/01/2024 14:04

O expresidente dos Estados Unidos Donald Trump (2017-2021) foi condenado a pagar 83,3 millóns de dólares por difamar a E. Jean Carroll no 2019, cando dixo que non coñecía a xornalista e que a súa acusación de abuso sexual era falsa.

Tras tres horas deliberando, un xurado formado por sete homes e dúas mulleres decidiu de xeito unánime que o republicano debía pagar 18,3 millóns, en concepto de danos e prexuízos, e 65 máis por danos punitivos, cifras moito máis altas das baralladas durante o xuízo.

Tras a lectura da resolución, Carroll fundiuse nunha aperta coas súas avogadas, pero non quixo facer declaracións á prensa á saída do xulgado.

"Totalmente ridículo"

Trump, que estivo presente no último día do xuízo, abandonou a corte antes de que se coñecese o resultado final e na súa rede social, Truth Social, cualificou de "totalmente ridículo" o veredicto. Para el, é unha mostra de que "o noso sistema legal está fóra de control e úsase como arma política".

Durante as dúas semanas do proceso, o magnate non parou de publicar nas súas redes que non coñecía a Carroll e que o xuízo se trataba dunha caza de bruxas, ata o punto de que algúns dos seus comentarios se usaron como evidencia polo equipo legal de Carroll.

Esta é a segunda vez que a xornalista e a súa avogada, Roberta Kaplan, gañan un xuízo a Trump. O pasado maio, un xurado condenou o exmandatario por abuso sexual por inserir os seus dedos na vaxina de Carroll sen consentimento, así como por difamación e a pagar 5 millóns de dólares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade