Trump participa no "mitin da vitoria" poucas horas antes de tomar posesión como presidente
Trump participa no "mitin da vitoria" poucas horas antes de tomar posesión como presidente
A cerimonia será este luns 20 de xaneiro non interior do Capitolio debido ao frío
Están convidadas 600 persoas, incluidos todos os expresidentes
Trump comeza a celebrar o seu regreso á Casa Branca como o 47 presidente dos EUA
A poucas horas de xurar por segunda vez como presidente dos Estados Unidos, Donald Trump celebra o chamado "mitin da vitoria" cos seus seguidores no estadio de Washington. Un acto no que tamén intervén o vicepresidente Vance e o empresario Elon Musk, convertido agora na man dereita do presidente.
Miles de partidarios do presidente electo agardaron durante horas, a pesar das baixas temperaturas de Washington, para poder asistir ao ultimo mitin de Donald Trump antes da súa investidura.
Cristina, que chegou desde Baltimorre conta que está aquí porque é o mellor día de todos, que está emocionada polo regreso de Trump e que está lista para que o mundo cambie.
Outro dos seguidores do presidente asegura que decidiu asistir ao mitin porque só tiña entradas para o acto de xura no exterior pero non dentro do Capitolio.
E outra explica que vén preparada con roupa térmica para non pasar frío e entende que o xuramento sexa a porta pechada pola seguridade do presidente.
A cerimonia non será como marca a tradición diante das escaleiras do Capitolio senón dentro debido ás xélidas temperaturas que se rexistran en Washinton. Están convidadas 600 persoas, incluídos os expresidentes do país e varios mandatarios estranxeiros como o presidente da Arxentina ou a primeira ministra italiana.
Todos serán testemuñas de como Donald Trump xura lealdade á Constitución este luns 20 de xaneiro, oito anos despois da súa primeira investidura como presidente e catro desde o asalto ao Capitolio, cando perdeu as eleccións fronte a Biden. Despois pronunciará un discurso onde anunciará algunhas das súas primeiras medidas.
O centro de Washington está blindado. 25.000 axentes e as tecnoloxías de ultima xeración conforman o dispositivo de seguridade. A policía intentará que non haxa incidentes durante os actos da toma de posesión e nas manifestacións previstas na capital.