Trump, unha nova orde mundial, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Trump, unha nova orde mundial, por Venancio Salcines
A Unión Europea medrou sobre as costas de Alemaña e Francia, os dous grandes motores da Unión, estas nacións cabalgaron ao lombo da globalización. Europa, en xeral, soubo beneficiarse da política de mercados abertos. Actuaron como os antigos mercadores venecianos, non querían o poder, querían o mercado e con isto o diñeiro.
Trump chega disposto a rachar coa globalización. Iso de que se deseñe no seu país, os EUA, se produza noutro, polo xeral A China, e despois se venda na súa casa, non o merca. Quere de novo produción na casa e decidir con detalle a quen abre as súas portas. E de paso, renuncia a asumirr o liderado mundial, buscando unha nova orde de alianzas na que ocupa un posto preferente Putin e a súa visión global.
Con toda seguridade, daralle as costas a Ucraína; a cambio, Rusia convencerá a Irán para que lidere unha etapa de paz con Israel. E, polo camiño, diranos que se queremos armas as produzamos ou as merquemos, pero que os seus soldados non están para defender a terceiros.
Europa, con toda seguridade, terá que facer unha reflexión: feble no militar, co mercado chinés en arrefriamento e o norteamericano en vías de peche. E o camiño é que Europa terá que ser máis Europa, é dicir, mais mercado, máis crecemento e, por outra parte, se un mercado pecha teremos que abrir outros, e non quedan moitos no mundo, pero algún queda.