Truss conxela as facturas enerxéticas durante dous anos
Truss conxela as facturas enerxéticas durante dous anos
A nova primeira ministra británica dixo que o seu novo plan enerxético dará "certeza" aos cidadáns e "impulsará o crecemento" económico
Levanta o veto ao fracking para obter gas en Inglaterra
A primeira ministra británica Liz Truss anunciou este xoves a conxelación temporal das facturas enerxéticas dos consumidores, cun tope anual de 2.500 libras durante un período de dous anos a partir do 1 de outubro.
Nunha intervención ante a Cámara dos Comúns, a nova xefa do Executivo dixo que o seu novo plan enerxético dará "certeza" aos cidadáns e "impulsará o crecemento" económico.
Truss, que o pasado martes asumiu o liderado do Goberno británico tras a dimisión de Boris Johnson, detallou estas medidas a fin de contrarrestar o efecto do notable aumento nos prezos da enerxía e o seu impacto nos cidadáns, dado que estaba previsto que as facturas sufrisen un incremento do 80 % desde este outubro.
Asegurou, ademais, que o seu Goberno "apoiará tamén todos os negocios, as organizacións benéficas e as organizacións do sector público cos seus custos enerxéticos durante este inverno e ofrecerá unha garantía equivalente durante seis meses".
"Despois dese período de seis meses, proporcionaremos máis aos sectores vulnerables, como a hostalería e os nosos pubs locais", agregou Truss, ao tempo que instou ás compañías a "buscaren formas de mellorar a eficiencia enerxética e incrementar a xeración directa de enerxía".
Na súa intervención, a nova dirixente conservadora anunciou ademais que o seu Executivo poñerá fin en Inglaterra á actual prohibición de recorrer á fracturación hidráulica ou fracking para extraer o chamado gas de esquisto, o que implica que esta práctica poderá comezar nun prazo de seis meses.