Ucraína eleva a 136 os menores mortos desde que comezou a invasión rusa
Ucraína eleva a 136 os menores mortos desde que comezou a invasión rusa
Kíiv non cre que Moscova centre a súa ofensiva só no Donbás
A intelixencia británica pensa que seguirá bombardeando as cidades sitiadas
Ucraína pon en dúbida que Rusia centre os seus ataques no Donbás, como anunciou este venres. O Ministerio británico de Defensa tamén prevé que continúen os bombardeos sobre as cidades que asedia pero sen entrar coa infantería.
ACNUR estima que hai arredor de trece millóns de persoas atrapadas en áreas afectadas polas hostilidades. O goberno de Kíiv elevou a 136 o número de menores mortos pola guerra no país.
As autoridades ucraínas informaron de que acordaran a apertura de dez corredores humanitarios este sábado. Puntualizaron que só en Mariupol hai máis de 100.000 residentes pendentes de seren evacuados. Alí os veciños vense na obriga de soterrar os caídos en tumbas improvisadas nos patios das casas.
O presidente Zelenski pediulles aos países con fontes de enerxía que aumenten a produción para que Rusia non poida usar a súa riqueza en petróleo e gas como chantaxe.
Fíxoo na sesión inaugural do Foro de Doha onde tamén reclamou a reforma das institucións internacionais para que garantan a paz.
Rusia, en boca do vicepresidente do seu Consello de Seguridade, dixo que ninguén quere unha guerra pero que a ameaza dun conflito nuclear sempre está aí. Os países da OTAN acordaron preparar as súas defensas mesmo contra ese escenario.