Ucraína recuperou 113 quilómetros cadrados no sur do país, anuncia Kíiv
Ucraína recuperou 113 quilómetros cadrados no sur do país, anuncia Kíiv
Ucraína di que Rusia perdeu, entre mortos e feridos, máis de 4.600 homes durante a semana pasada
Rusia ataca Odesa con catro mísiles dende o Mar Negro
A viceministra ucraína de Defensa Hanna Maliar anunciou que as forzas ucraínas recuperaron un total de 113 quilómetros cadrados no sur do país desde que comezaron a súa contraofensiva hai dúas semanas.
“No curso de dúas semanas de operacións ofensivas nas direccións de Berdiansk e Melitópol, oito localidades foron liberadas”, dixo Maliar, sumando Piatijatki, na provincia suroriental de Zaporijjia, liberada durante a fin de semana, á lista de lugares recuperados.
A política ucraína dixo ademais que os combates continúan na provincia oriental de Donetsk, a outra rexión en que Ucraína está a levar a cabo a súa contraofensiva. En Bakhmut, afirmou, Rusia segue acumulando tropas para frear o avance ucraíno polos flancos.
Maliar asegurou que Rusia perdeu, entre mortos e feridos, máis de 4.600 homes durante a semana pasada, na que “máis de 80 combatentes do agresor” serían capturados por Ucraína.
Rusia volve atacar Odesa con catro mísiles, todos destruídos por Ucraína
Mentres, as forzas rusas volveron atacar esta noite o porto ucraíno do Mar Negro de Odesa con catro mísiles de cruceiro que foron derrubados polas defensas aéreas ucraínas, informaron as autoridades militares ucraínas da zona.
Rusia tamén lanzou catro drons kamikaze Shahed de fabricación iraniana contra a rexión de Dnipropetrovsk, un dos nós loxísticos ucraínos máis importantes preto da fronte, que tamén foron interceptados polo exército de Ucraína, segundo a autoridade militar da rexión.