Último adeus aos dous gardas civís falecidos en Barbate
Último adeus aos dous gardas civís falecidos en Barbate
Compañeiros, amigos e familiares dos gardas civís despedíanse deles nos funerais, celebrados na Catedral de Pamplona e na de Cádiz
A viúva dun dos axentes negouse durante a capela ardente a que o ministro do Interior fose quen colocase a medalla a título póstumo sobre o féretro
O féretro do garda civil David Pérez, de 43 anos, falecido en Barbate, era escoltado ata Pamplona polos seus compañeiros de unidade, o Grupo de Acción Rápida, e da Agrupación de Tráfico. No traxecto membros da Garda Civil saudaban a comitiva para darlle o último adeus.
Sobre as dez da mañá abríase a capela ardente na Comandancia da Garda Civil de Pamplona. Cidadáns e autoridades, entre elas o ministro do Interior, arrouparon a familia do axente.
Segundo varias fontes, a viúva de David Pérez negouse durante a capela ardente a que Grande-Marlaska fose quen colocase unha medalla sobre o féretro. Finalmente foi outro axente o que puxo a medalla no cadaleito.
Á unha da tarde comezaba na catedral de Pamplona o funeral en memoria do garda civil que será trasladado ata a localidade leonesa de Nogarejas, onde vai ser enterrado.
"Das seis patrulleiras do servizo marítimo en Cádiz estaban avariadas e as narcolanchas levaban desde o xoves resgardadas aí do temporal. Por parte da Administración decidiuse enviar o medio que tiñamos neses momentos, unha pneumática de só cinco metros. Por iso Jucil, a Asociación Profesional da Garda Civil, pide a dimisión do ministro Marlaska, pola súa falta de acción e irresponsabilidade na loita contra o narcotráfico", insistiu o portavoz da asociación Agustín Leal.
David Pérez falecía xunto ao seu compañeiro Miguel Ángel González, de 39 anos, axente do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas, cando unha narcolancha arremetía contra a súa embarcación mentres participaban nunha operación contra o tráfico de drogas. Hai oito detidos.
A capela ardente de Miguel Ángel González quedaba instalada onte nas dependencias da Comandancia da Garda Civil de Cádiz.
Sobre as dez da mañá a catedral de Cádiz acollía outra misa funeral polos axentes.
Este luns o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo trasladarase a Cádiz e, segundo fontes do PP, o presidente do partido pediulles aos portavoces no Congreso e no Senado que activen os mecanismos para reprobar o ministro do Interior e que Pedro Sánchez o cese.
A Federación Española de Municipios e Provincias fixo un chamamento a todos os concellos a realizar este luns, ás doce do mediodía, un minuto de silencio pola morte dos dous gardas civís.